Opinión

Sen demasiada nostalxia

COMEZA O curso escolar nos distintos niveis. É o momento deses preparativos que moven un sector tan importante da economía de tempada, desde os libros de texto aos uniformes, no caso de os haber, pasando por unha oferta cada vez máis ampla en produtos de papelaría deseñados conforme as tendencias de cada ano.

Máis alá da preguiza que dá a volta a rutinas e obrigas, o principio do curso sempre tivo algo de ilusionante. Nas miñas diferentes experiencias como alumna asocieino ao arrecendo dos libros novos, a cadernos inmaculados, a bolígrafos de estrea e, sobre todo, a unha planificación e unha orde que, aquel ano si, parecía posíbel. Setembro, e máis adiante outubro, achegaban un mundo por empezar que se agochaba detrás do semblante dunha profesora, dun compañeiro novo, dunha materia descoñecida ou das páxinas dun libro. Andando o tempo acabei facendo os preparativos para o cole desde o outro lado, o da docencia. Esa mochila que nunca tiven, pois pasei directamente da carteira infantil á carpeta adolescente, converteuse nun portafolios cheo de listaxes, programas, guías docentes e outros documentos. O caderno sen empezar —a páxina en branco— nunha aula, unha pizarra baleira e moitos meses por diante.

Estes días ocupeinos un ano máis na preparación do novo curso. Os materiais do pesado maletín que noutrora carrexaba viaxan desde hai algún tempo nunha tableta, e as páxinas tantas veces fotocopiadas alóxanse, enriquecidas por recursos multimedia, nunha aula virtual. As listaxes, fichas e actas en papel son xa un recordo borroso e a consigna de todo a un clic foi asimilada por un estudantado que bota man de dispositivos diversos para as súas consultas tanto administrativas como académicas. As mudanzas que a introdución das aínda chamadas novas tecnoloxías produciron no ensino deseñaron en pouco tempo un escenario novo, de posibilidades infindas. Outra cousa ben diferente é a súa xestión. Tamén os seus resultados.

Constrúo a miña aula virtual con máis fascinación por portais e ferramentas que nostalxia por tempos perdidos. No ámbito da educación quedan aínda algúns receos respecto ao emprego de recursos tecnolóxicos e virtuais. Son case sempre reservas baseadas no temor a unha suposta trivialización do coñecemento que afastaría ademais o alumnado de arquivos, bibliotecas e mesmo da propia aula. Máis que cuestionar estes recursos, o noso labor é servir de guías na maraña de coñecementos que a rede achega e de mestres na adquisición de destrezas no manexo de ferramentas. Continúo cos meus preparativos sen demasiada nostalxia da miña carteira chea de apuntamentos e fotocopias, satisfeita por poder asistir a esta feliz convivencia entre notas caligráficas, libros en papel, dispositivos portátiles e conexións a internet.

Comentarios