Opinión

Orquestras

COAS PRIMEIRAS noites cálidas chegan tamén os sons das orquestras inaugurando a gran tempada de festas. As bases rítmicas, que se amplifican acadando unha textura cósmica nos espazos abertos, rebotan nas cidades contra os edificios e collen camiños labirínticos que desconcertan a quen queira identificar a súa orixe. Un dos recordos máis vivos que teño da nena que medrou nunha ribeira é, sen dúbida, o do son das orquestras nas noites do verán. A melodía das cancións de moda resoando no val formaba parte daquel diálogo entre música, bombas de palenque, e de cando en vez, fogos de artificio que duraba desde o Corpus até o viño novo. As orquestras máis prezadas do momento disputábanlle o espazo, arroupadas pola xente máis nova, a unhas bandas que se esforzaban en interpretar tamén as pezas que soaban nas emisoras. A orquestras eran as verdadeiras estrelas nun tempo no que un concerto non era un soño ao alcance da man. Antes de que eu soubese das xestas dalgunha das formacións galegas alén mar e de que lese ‘O saxo na néboa’, de Manuel Rivas, un relato que se me apegou á pel non tanto polas xeiras da ‘Orquesta Azul’ senón por como ilustra a teoría da timidez, aínda que esa sexa outra historia.

Cunha importante promoción nunha televisión pública convertida nunha grandísima verbena, as orquestras constitúen un fenómeno de masas

Así foi transcorrendo a infancia. Espreguizouse a adolescencia e, con ela, chegaron outras formas de diversión que deixaban atrás os bailes. A seguinte vez que volvín ter contacto cunha orquestra foi cando tiven que engadir o seu custo ao orzamento dunha romaría. Como integrante dunha comisión de festas, quedei sorprendida polo altísimo ‘caché’ das formacións máis demandadas. As orquestras estaban iniciando un camiño de ascenso que as elevaría ás macroactuacións con fans entregados, bandeiras, camisolas e outra mercadoría. A miña sorpresa foi ver como a mocidade -aquela que noutrora marcharamos para os pubs e as discotecas- acudía con fidelidade a estas citas e como as orquestras conseguiran encher as festas de xente nova.

Cos seus seareiros e detractores -aqueles que reivindican a presenza doutras formas de expresión musical- e cunha importantísima promoción nunha televisión pública convertida nunha grandísima verbena, as orquestras constitúen un verdadeiro fenómeno de masas non barato, desde logo, en tempos de crise para o sector. O ‘derby’ galego París-Panorama semella a gran aspiración de toda comisión de festas, con independencia das posibilidades económicas. Ante tan atractivo programa, do que tamén formarían parte media ducia, ou tal vez algo máis, grupos cotizados, a crise non parece ser un problema -nin o paro, nin a precariedade laboral, que tamén bate duro nos profesionais da música-. Cando menos, un problema que non poida esquecerse durante unhas horas cunha boa descarga de vatios e decibelios.

Comentarios