Opinión

As novas 'Elexías a Lola'

LOCE ESTES días de outono nos expositores un libro deses que convidan a collelo entre as mans e abrilo para descubrir os seus tesouros. E digo abrilo no sentido literal, pois o volume, encadernado en tapa dura e atado con cintas, garda un valioso material. ‘Elexías a Lola’, publicado por Engaiolarte, recupera un conxunto de composicións que Xohana Torres dedicara en 1980 á súa avoa, xunto con algúns poemas de recente escritura, nun interesante diálogo textual. Alén diso, incorpora un retrato que da autora fixera Laxeiro e outro da avoa feito, seguindo a descrición da neta, por Segura Torrella. Completa o libro-cartafol un pequeno caderno en branco que exhibe na súa cuberta, a xeito de lema, palabras que a autora pronunciou nos seu discurso de ingreso na Real Academia Galega: «Unha muller pode convertese en balea polo simple feito de querer cambiar de forma».

Tal singular volume posúe aínda o valor engadido de incluír poemas dunha autora que, desde ‘Tempo de ría’ (1992) apenas publicara máis que algún texto solto. O ritmo de escritura nos últimos anos non debe facer esquecer a súa centralidade na literatura galega da segunda metade do século XX, e a súa contribución á renovación de varios xéneros: a poesía, con ‘Do sulco’ (1957), ‘Estacións ao mar’ (1980) e o mencionado ‘Tempo de ría’; a narrativa, con ‘Adiós, María’ (1971); a literatura infantil, con ‘Polo mar van as sardiñas’ (1967) e ‘Pericles e a balea’ (1984); e o teatro, xénero que no que foi inxustamente esquecida, e que enriqueceu con ‘Á outra banda do Iberr’ (1965) e ‘Un hotel de primeira sobre o río’ (1968).

De toda esta produción, foi talvez a poesía a que maior proxección tivo en xeracións vindeiras, que lle tenderon a man como elo dunha cadea de mulleres escritoras que se remonta a Rosalía de Castro. O poema ‘Penélope’, no que a muller que agarda se revela contra a tradición con un contundente ‘Eu tamén navegar’, serviu de consigna para toda unha promoción de poetas novas que escribían desde unha clara conciencia de xénero. Tamén foron un modelo ‘Elexías a Lola’, que conformaban a parte terceira de ‘Estacións ao mar’, e onde a autora rendía homenaxe á antepasada ‘viñateira’, a ‘Lola das roxas viñas’, a ‘capitana no mastro das espigas’, á que lembrou tamén no seu discurso de ingreso na Academia incribíndoa «na estirpe de avoas primixenias, de austera e miúda arquitectura, gardiás dunha lingua singular». A avoa-telúrica de Xohana Torres deixou unha fonda pegada en numerosos poemarios de mulleres que reescribiron as súas xenealoxías familiares, reivindicaron a identidade e exploraron a infancia. Estas novas ‘Elexías a Lola’ propoñen unha relectura dun universo poético moi persoal desde a conciencia de que, como se le no verso que pecha o libro, «os recordos lesionan severamente o peito».

Comentarios