Opinión

Mimosas

O MANTO das mimosas cobre aínda nestes días a paisaxe galega coa súa «ictericia», por empregar unha imaxe feliz que lembro lerlle a Camilo Franco. Desde nena sentín sempre unha atracción especial por estas floriñas, maior aínda da que sentía polas prímulas primeiras que simulaban unha primavera irreal. Antóllaseme que as flores ventureiras tiñan daquela un significado especial na percepción do tempo. Talvez por iso -conteino algunha vez- a miña avoa cortaba sempre unha rosa silvestre para levar no peto. Co namoro da súa humilde beleza e co seu arrecendo intenso, as mimosas son a alegría do inverno. Así é cando menos como eu as lembro, na infancia vivida no meu val, cando coller un ramiño de mimosas, case sempre inaccesíbel, era roubar un pouco de cor aos meses de chuvia e frío. As mimosas tiñan, de seguro que por esta razón, o seu protagonismo á beira dos xenerais, no entroido. Esta asociación de acacias e carnaval perdura hoxe no imaxinario colectivo até o punto de restarlles formalidade en canto flores e excluílas, por exemplo, da ornamentación funeraria. O significado festivo reflectíao ben o manequín dunha tenda estradense que, neste entroido, foi sacado á beirarrúa lucindo un vestido confeccionado con ramos de mimosa.

Dáme mágoa que non importemos a tradición da ‘fiore della donna’, de igual maneira que importamos outras

Foi para min unha sorpresa descubrir que aquela flor roubada cando nena a unha árbore que formaba parte as máis das veces da maleza era, noutros lugares, valorada e mesmo comercializada. Gustoume tamén saber que en Italia estaba considerada ademais a ‘fiore della donna’, polo costume de agasallala o Día da Muller. A flor da alegría do inverno é empregada tamén alí para unha celebración e para un fermoso galano que enche de cor prazas e rúas.

Dáme mágoa que non importemos a tradición da ‘fiore della donna’, de igual maneira que importamos outras ben máis rendíbeis en termos económicos como, falando de flores, a das rosas vermellas por San Valentín. Na flor da mimosa vexo unha metáfora acaída para a celebración do Día da Muller, e non precisamente por unha asociación entre a súa delicadeza e a condición feminina que escoitei algunha vez. Resistente aos rigores do inverno, luminosa e cotiá, a mimosa representa ao meu entender aquilo que deberamos celebrar, e tamén reivindicar, o oito de marzo. Moitos dos ben intencionados actos que se multiplicarán na vindeira fin de semana cubrirán, tamén co seu manto, algúns dos dramas que están a sufrir as mulleres na súa vida diaria, como a violencia exercida contra elas, o desemprego e a precariedade laboral e, sobre todo, o abandono institucional, non no que atinxe ás palabras senón aos feitos. É por iso polo que na escenografía do Día da Muller vexo antes radiantes ramos de mimosas que suntuosos centros de florería.

Comentarios