Opinión

Lágrimas privadas

ANTES DE pórme a escribir estas liñas, estiven repasando as noticias do día e non atopei novidades sobre a anciá que faltou do xeriátrico de Trives. A desaparición dunha persoa de idade, especialmente cando sofre algún tipo de demencia, non é por desgraza algo inusual. Non sei por que o caso me fixo lembrar no seu día a magnífica novela de Xabier Quiroga Zapatillas rotas, por moito que as circunstancias fosen até onde eu sei ben diferentes e oxalá que o final sexa tamén mais feliz. A extraordinaria dimensión mediática que acada a ausencia dun ancián da súa residencia deriva do feito de ser este sogro dun conselleiro que teme ver prexudicada a súa carreira política. Tanto como a parodia de clase política e a tenra historia de amor e memoria que achega, da novela gustoume a imaxe dunha Galicia atrapada de xeito ridículo no seu aparato institucional, e un final apoteosicamente tráxico nunha mestrura de Guatanamera e a desfeita do Prestige.

Pero Zapatillas rotas é unha novela e a vida non o é. Non o foi a desaparición da anciá de Trives, como tampouco o foi a do mozo de Baiona, de quen cando isto escribo nada se sabe, nin a da rapaza madrileña cuxo rastro se perdeu na Pobra do Caramiñal. Son historias reais e dramáticas con independencia da narratividade que delas se desprenda ou da proxección mediática que acaden. Son tamén historias que conmoven e espertan a empatía dunha poboación á que non lle resulta difícil chegar a verse dalgún xeito protagonista delas. E son tamén historias que espertan a curiosidade, tanto polo misterio que acostuman encerrar como polos datos acerca da privacidade das persoas afectadas que saen á luz.

Unha vez máis pareceume indignante o tratamento que algúns medios de comunicación deron á desaparición que acaparou maior atención informativa, a de Diana Quer. Alén das contradicións nas que se embarullaron algunhas novas publicadas na prensa dixital, molestáronme as presuposicións e os prexuízos que estas vertían, desde suposta perigosidade do colectivo dos feirantes até a afirmación de que os fillos de pais separados son, segundo fontes médicas que non se precisaban, máis propensos a enfermidades. Molestoume unha vez máis o morbo con que se tratou e se segue a tratar todo o relacionado coa separación dos pais de Diana, aínda que fosen estes quen deixasen soltos fíos dos que tirar non eran o principal da información, a desaparición da moza e os até o de agora infrutuosos resultados da súa busca. Como tantas veces acontece en situacións dramáticas, algún xornalismo centra o seu foco en actores secundarios, en historias morbosas e en posíbeis ramificacións narrativamente substanciosas antes que no caso en si. Axustan o obxectivo para fotografar no instante preciso as lágrimas privadas.

Comentarios