Opinión

A fotografía do lume

A IMAXE dun incendio forestal produce unha tristura desacougante e ao tempo desoladora. Á altura que collen as lapas e ás dimensións da masa de fume habería que engadir, nunha captura da paisaxe sensorial, o estalido da madeira ao se queimar, o son -sempre me pareceu bélico- dos helicópteros e ese cheiro inconfundíbel a natureza queimada que se estende ao longo de quilómetros. Tamén, por suposto, o loito do ceo, toldado, negro. Non quero nin imaxinar as visións dantescas que quedarían na retina do persoal que traballa nas tarefas de extinción e, sobre todo, da veciñanza que algunha vez viu como o lume se achegaba á súa casa. A rabia e a impotencia. O medo. A absoluta incomprensión. 

Malia non sentir nunca, por fortuna, as lapas ao meu carón, é moi vivo o recordo que teño delas nunha infancia que lembro ameazada por dous monstros: os encoros e os incendios. Os primeiros tiñan que ver cun proxecto de construción de centrais no río Ulla que deformarían o seu curso e deixarían debaixo da auga unha boa parte da aldea, do territorio. Os segundos, coa chegada, canda a calor do verán e a xente que estaba fóra, do lume. Nun tempo no que o bosque semellaba protexido polo eslógan ‘Cuando el monte se quema algo tuyo se quema’ e por unha avioneta de Icona sobrevoando de cando en vez, vin escenas comunais verdadeiramente heroicas nas que as veciñas e os veciños loitaban, man a man e en soidade, contra o lume. Brigadas que se organizaban logo do sinal ou do aviso, carrexadas unhas veces nalgún dos coches do lugar, outras a pé, batendo no lume coas ferramentas de sachar a horta ou virar a herba. Vin mobilizarse a aldea ás présas, logo do toque de campá, sen máis estratexia que a súa sabedoría nin máis protección que roupa de diario. Sentín os seus berros no monte e tamén a tensión da espera e a preocupación ante a chegada da noite co seu manto de muxicas incandescentes. E vin moitas veces a desolación. A terra queimada. 

A televisión achegounos, en cor e alta definición, unha imaxinaría dos incendios transmitida case sempre en tempo real. Igual que a guerra ou outras catástrofes, fómola interiorizando e naturalizando, ao mesmo tempo que naturalizamos o discurso oficial, repetido e inútil, as grandes palabras de solidariedade, o debate silenciado, e todo o demais. Con todo, séguenme chocando imaxes que volvín ver estes días de persoas gravando cos seus teléfonos móbiles o avance do lume cara ás casas ou as propias tarefas de extinción, como se dun espectáculo se tratase. De ter que escoller a miña propia fotografía escollería, pola súa elocuencia, a dun areal ateigado de xente cunha masa de fume no horizonte que pouco a pouco vai cubríndoo todo: tamén esa Galicia paradisíaca que se nos mostra como triunfo aos habitantes e como reclamo aos turistas.

Comentarios