jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

Espantallos

Se eu fose merla, pega rabilonga ou elegantísma corva, había mirar con curiosidade o espantallo no que hai semanas reparo ao pasar desde o coche. Vestido co que desde lonxe parece unha funda de traballo, un chaleco reflectante e unha gorra, máis que gardar unha leira sementada o boneco semella custodiar a chaira enteira. A rixidez dos brazos algo separados queda disimulada polo movemento, figurando unha acción. O espantallo posúe bastante máis realismo que os bonecos sinalizadores das obras nas estradas, aos que se cadra imita. Con todo, a súa forza escénica non é quen de superar a doutra figura, nunca souben sei se espontánea ou non, que se avista desde a estrada algúns quilómetros máis adiante. É neste caso unha composición feita con tan só un farrapo e unha cubrición que non se aprecia ben no medio dun monte acabado de cortar. Posibelmente non sexa máis que un estremo que alguén quixo marcar ou unha prenda abandonada, pendurada ao vento, pero o efecto desde o coche resulta fermoso e ao tempo inquietante para humanas e, imaxino que tamén, para merlas, pegas rabilongas e elegantísimas corvas.

Pensando nestoutra sinalización viaria decateime de que nunca foi feito algo así como o mapa de espantallos dunha Galicia, noutras cousas, tan cartografada. Tampouco se reparou moito até onde eu sei nesa modelaxe efémera e reciclada, a medio camiño entre o pragmatismo e o ludismo carnavalesco. Estou a falar, obviamente, dos espantallos de sempre e non de toda esa trapallada que enche o campo galego, como latas, bonecas rotas e unha banda sonora muda que deixou a cinta do cassette polo CD. Penso nas obras de enxeñaría como o mecanismo rotatorio construído con botellas de refresco de dous litros que vin asomar o outro día no muro que garda unha horta de barrio. E penso nos elaborados espantallos antropomórficos ataviados en ocasións con roupas herdadas -como aquel que vestiron coa chaqueta e a pucha do defunto-, que resisten hieráticos o vento e a chuvia e que, a forza de estaren, acaban mimetizándose coa paisaxe e converténdose en tenros ‘espantallos amigos’, como o do relato de Neira Vilas.

Non quedan moito espantallos termando da paisaxe galega. Na súa substitución por eses obxectos roubados ao lixo ben poderiamos ver unha metáfora triste do abandono do mundo rural e da deriva da explotación do agro. Máis triste aínda me resulta o seu reemprazo por sofisticados aparellos programábeis que imitan disparos. O seu eco, que resoa igual que resoan os tiros dos cazadores en tempada, e as cunetas e campos queimados polo herbicida infalíbel conforman unha atmosfera ben menos plácida que a presidida polos afoutos espantallos que de seguro han aparecer nalgún manual sobre feísmo.

Espantallos
Comentarios