Opinión

Días estraños

VEÑEN DE certo días estraños, como estraña foi a climatoloxía deste outono. Cadran nas vindeiras semanas dúas campañas que acostuman ocupar, co seu rebumbio, rúas e informativos. Por unha banda, a do Nadal, a cada paso máis madrugadora e anunciada desta volta baixo a consigna dunha recuperación económica e un crecemento -ulos?- que volven convidar á compra compulsiva nunhas datas especiais. Por outra, a das eleccións xerais, que se vén fraguando tamén desde hai tempo, e que se formalizou na madrugada de onte coa tradicional pegada de carteis. As dúas van convivir durante a vindeira quincena e converterán o espazo público nun singular escaparate ateigado de mensaxes positivas.

As eleccións deste ano anúncianse ademais como as máis abertas da historia, aquelas ás que concorren forzas emerxentes, e as que poderían superar o bipartidismo -de facto?-. En Galicia son, alén diso, uns comicios xerais nos que está presente, como alternativa, o fenómeno até o momento descoñecido das mareas, e que se celebran coa resaca dun pacto frustrado que non foi máis que un espellismo ilusionante. Fóra diso, apenas se aprecian por agora cambios a non ser na textura dalgunhas mensaxes, na mudanza de formatos -debates de máis de dous convidados, debates de candidatas- e nas canles de transmisión. Unha vez máis, o CIS e as empresas especializadas en enquisas electorais son o pano de fondo, como se o seguimento da campaña electoral constituíse unha realidade paralela a esta, quizais non menos importante.

Non sei se compartirei con algunhas das persoas que se acheguen a estas liñas a canseira que me produciu, nos últimos meses, a saturación informativa derivada tanto da confección das listas e a escolla de candidatos como da precampaña. A campaña propiamente dita terá que empregarse en combater esta fatiga con todas as súas ferramentas, coas verbais, por suposto, pero tamén con aqueloutras, que, desta volta terán que compartir espazo cunha publicidade experta, glamurosa e eficaz. As mensaxes electorais terán que chegar a unha poboación cada vez máis descrida e escéptica coa política e incapaz de identificar nos programas e nos mitins, solucións reais aos problemas que afectan ao país. As consignas dos partidos que concorren a estas eleccións xerais terán que dirixirse, talvez de maneira especial, a aqueles sectores máis desconcertados e -esquecemos moitas veces o adxectivo- máis desesperados: os que nada teñen que perder. E sería tamén bo que, no medio de tanto descrédito, tanta oquedade nos discursos e tanto cascallo, fose posíbel recuperar algo de ilusión. Igual ese debera ser un dos principais obxectivos nas mensaxes electorais destes días estraños, antesala do inverno, do Nadal, do ano novo e do goberno que, previsibelmente, rexerá nos próximos catro anos.

Comentarios