Opinión

Camiño para seguir

VOLTA DAS vacacións de Nadal, 5º de EXB dun grupo escolar situado na xeografía rural galega. Era, para moita rapazada de promoción, o curso da súa graduación. Unha vez rematado, con once ou doce anos, integraríase no mercado laboral dos albaneis, dos artesás ou das mulleres da casa. Primeiro día de clase e a profesora pregúntanos, un por un, que nos trouxeron os Reis. Nós, con orde, imos enumerando as bonecas, os coches, os ‘plumiers’, os balóns, os vaqueiros, as coreanas... Todos cantando aquela lección extraordinaria, como se dun rito para saudar o ano novo se tratase. Lembro perfectamente o momento no que a rolda se detivo, cando a ladaíña mudou o seu ritmo. Foi a raíz da resposta dun dos compañeiros, que cun sorriso franco e rebordante de dignidade dixo: "Camiño para seguir". Non son quen de recordar como a profesora deu salvado a situación, no caso de que o fixese. Tampouco como seguiu aquela ‘declaración de bens’ infantil e riseira, que por un momento quedara varada na realidade máis triste. Só me quedou aquela resposta, clara e contundente, que bateu na inocencia que aínda tiña e resoou durante tempo nos meus oídos.

Igual foi a primeira vez que tomei conciencia dunha realidade que, á forza de nola edulcorar, acabou sabendo doce. O que máis adiante se chamou ‘risco de exclusión social’, enmascarado daquela en ‘necesidade’, non mostrara até entón unha cara tan amarga. Foi como se por un momento comprendese de golpe a miseria, o fracaso escolar, a marxinación, a incorporación precoz ao traballo e moitas cousas máis, entre elas a madureza daquel discurso co que o compañeiro fixera fronte á pregunta comprometedora da mestra. A súa afirmación, reforzada por un sorriso que nunca esquecerei, converteu a exhibición de agasallos —non moi diferente ás que ofrecen hoxe en día as pantallas de televisión— en algo inxusto e obsceno.

Os excesos consumistas cometidos ao longo do Nadal, especialmente os relacionados con Papá Noel e Reis, ocultan nos medios o rostro daqueles que non reciben agasallos. Da compra responsábel dos regalos lévase falado abondo e non faltan nestas datas consellos que recomendan xoguetes non violentos, non sexistas e non redundantes. Insístese ademais na idea de que o agasallo sexa un afecto e non un trámite que toca facer de tanto en tanto, nin tampouco un rito que deixe como resaca unha paisaxe de envoltorios e despoxos. Con todo, o nivel de gasto medio neste capítulo é sempre sorprendentemente elevado, con independencia das contas do ano, e da ilusión, o engado ou a felicidade que estes regalos provoquen. Moitos Reis levo pensado na resposta do meu afouto compañeiro, na que, alén de dignidade, había unha certeza que de seguro el descoñecía: a de que o verdadeiro agasallo era o camiño para seguir.

Comentarios