Opinión

Avante xuntas o 8 de marzo

NO SÉCULO XIV, a muller só tiña as alternativas do matrimonio ou o mosteiro, dúas gaiolas nas que desenvolver a súa vida, mais sempre houbo transgresoras, en 1386 María Castaña foi quen de liderar unha mobilización popular contra os foros abusivos impostos polo bispo de Lugo á xente labrega. Muller afouta participou cos fillos e o marido na revolta na que resultou ferido de morte o mordomo, feito polo que tiveron que doar á catedral de Lugo todos os bens que tiñan no Couto de Cereixa, nas terras de Lemos e Quiroga, e a cantidade de mil marabedís e xurar que nunca máis farían daño aos recadadores.

Uns anos máis tarde, na veciña Francia, en 1405 Christine de Pizan lamenta ter nacido muller, xa que a súa identidade está condicionada por uns clichés que outros lle confeccionaron. A autora de La cité des dames, relato alegórico, defende que construír unha cidade das mulleres é difícil, mais non imposible, a súa cidade ideal está destinada a protexer ao colectivo feminino. En épocas nas que se cuestionaba a capacidade intelectual da muller, a obra foi atribuída a un autor masculino, mais grazas á difusión dos tapices medievais, que reproducían a imaxe da escritora entregando o libro a Margarita de Borgoña, se lle restituíu a autoría.

Baixo a acusación de ser a autora da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, Olympe de Gouges morreu en 1793 na guillotina.

No século XIX, Rosalía de Castro denunciou na súa obra a situación de discriminación da muller galega.

A longa traxectoria da conquista das liberdades para a condición feminina abonda en avances e retrocesos, en 1931 a República defende o acceso da muller ao espazo público e a coeducación, mais o alzamento militar fascista do 36 volve a relegala ao ámbito doméstico e remata coa coeducación, que non será recuperada até os anos 70.

No 2018 a fenda salarial, a precariedade laboral, o acoso sexual, o maltrato e o feminicidio seguen a ter toda a actualidade. Nunha época de mudanzas, o machismo persiste e a transformación segue pendente.

O contInuo e ineluctible progreso cara a emancipación impón a fin do estereotipo secular sobre a función social da muller. Urxe a deconstrución do sexismo, a deconstrución dunha historia que silencia á metade da poboación, a deconstrución dun modelo de sociedade construído sobre o patriarcado.

Penélopes loitadoras, transgresoras e insubmisas cuestionaron os fíos do poder do patriarcado vixente desde os tempos de María Castaña, ilustres predecesoras ergueron o seu berro de autoafirmación, rebeláronse e seguen a ser as protagonistas de diferentes movementos e proxectos  que deitan unha luz de esperanza cara un futuro onde a data do 8 de Marzo non teña que ser un día reivindicativo.

Herdeiras de todas elas, tecemos redes de sororidade e reclamamos unha sociedade igualitaria e sen privilexios.

Avante xuntas, percorremos o camino da transformación e apoiamos a chamada de paro do 8 de marzo.

Comentarios