Opinión

Unha casa con reixas

HAI BEN anos, de ruta por unha estrada calquera da rede viaria galega, chamoume a atención unha casa rosa de dous pisos, con luces de neón na porta e sospeitosas reixas nas ventás. Semellaba unha cadea, malia ter pintadas as paredes da cor do caramelo de amorodo. Era un clube pegado á estrada no que, tanto tiña a hora, sempre que pasabamos por alí, o neón escintilaba e había un coche ou dous na porta.

Esta fin de semana, volvendo dunha viaxe, dei nun cruce cun galpón feito polvo nun terreo con fácil acceso e aparcadoiro agochado. Semellaba un alboio cutre de cores desgastadas cun letreiro que tiña a silueta dunha muller. De novo as luces de neón, e de novo, inquedantes barras nunhas xanelas tan pequeniñas que nin a luz do sol se atrevería a entrar por elas. Aquel espazo non parecía digno nin para acubillar o gando.

En certa ocasión, recén chegada á redacción, a miña compañeira Sandra, logo de ver unhas estatísticas que alertaban do aumento de locais e pisos nos que se exerce a prostitución, propuxo facer unha reportaxe ó outro lado desas paredes. Adentrarse no negocio escuro dos clubes e falar coas mulleres que alí son explotadas e incluso cos empresarios que promoven ese tipo de establecementos, que medran nas beiravías como as herbas velenosas á sombra da nosa indiferenza. Eu ofrecinme a acompañala e os nosos xefes levaron as mans á cabeza alporizados e acabaron coa nosa intención de abrir as portas. "Estades tolas ou que?", dixeran.

Sempre que paso diante dun deses clubes percíboos como pequenos e terribles cárceres. Imaxino dentro a mulleres prisioneiras da hipocresía, dunha sociedade que non se atreve a chamar as cousas polo seu nome. Ocórreseme que elas agardan que calquera de nós pare alí o seu coche e lles abran a porta e lles digan que son libres. Que ninguén ten dereito a tratalas como unha ración de carne. A comerciar cos seus corpos, a pagar pola súa intimidade.

Iso de mirar para outro lado xa non vale. Non abonda con que as autoridades persigan a trata. Nós non podemos saír a manifestarnos pola igualdade e seguir polas estradas adiante ignorando o que acontece diante das nosas narices. Unhas veces ás agachadas, detrás de portas pechadas e ventás con reixas, e outras con letreiros inmensos e alumados e anuncios e altofalantes a todo trapo nos que, sen pudor ningún, se vende carne de vaca e de muller nun degradante dous por un.

Comentarios