Opinión

Dous anos despois

Tivo que vir o becho para levarnos de volta a marzo do 2020. A pecharnos co paracetamol e o cargamento de test de antíxenos no mesmo cuarto que hai dous anos descubrimos o teletraballo e a natureza que saía do seu recuncho para ocupar os parques e as rúas. Con todas as páxinas escritas sobre a pandemia, as ondas e as variantes, os heroes  e os mortos con patoloxías previas na memoria recente. 

Pensei que se agora que temos un escudo protector contra a covid, unha barreira levantada en tres movementos, e aínda así se espalla coma o pole, con máis ou menos forza nunha sétima onda invisible, e nos deixa fóra de xogo un día, dous polo menos... que sería de nós se a Ciencia non adicara recursos materiais e humanos a seguir investigando unha vacina que lle poña freo a esta ameaza. 

Mandoume de volta dunha labazada a marzo, coa vertixe de ver as dúas liñas no detector covid e o alivio de quen repite como un retrouso que agora non é peor ca unha gripe. Non podo evitar pensar nos que sentiron a súa virulencia hai dous anos, acorralados polo descoñecemento e o temor, e as consecuencias tan duras que amosaba e a soidade. Penso na dor acumulada dos sanitarios que colleron as mans de quen sufría só. E penso no afastamento dos máis cercanos. Despois de tres días sen abrazar e bicar aos nenos, lembrei aos avós e as avoas que se afixeron a bicar aos netos cos cóbados por medo, ou que deixaron de abrazar e de seren abrazados. Din os hosteleiros que desde a pandemia saímos menos de xoldra. Que entre as herdanzas da covid, a noite quedou con menos xente e os restaurantes gardaron as distancias. Que moitos se xuntan nas casas porque se senten máis seguros todavía. Mais, aínda non sabemos as consecuencias que terá no longo prazo unha sociedade ferida, que non se toca, que non se achega, que se contempla a través dunha pantalla por medo. 

Decateime, de canto gañamos e canto perdemos antes, cando logo de tres días collín ao meu fillo en brazos e me dixo: «Canto o botaba de menos».

Comentarios