Opinión

O futuro do parque Pernas Peón

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, fala das actuacións levadas a cabo no espazo, que xa está listo para a súa repoboación. "A nosa pretensión é executar un proxecto que se adapte aos novos tempos, pero mantendo en todo caso a súa esencia e tradición", di

parque pernas peon
photo_camera Imaxe actual do parque Pernas Peón, en Covas.

A situación na que se atopaba as árbores do Parque Pernas Peón era coñecida por todos e todas. Cando dende o Concello de Viveiro adoptamos a decisión de talar unha parte importante dos eucaliptos e piñeiros deste parque fixémolo conscientes de que era unha medida necesaria por cuestións de seguridade; a nosa postura é a máis difícil, pero o tempo deunos a razón e confirmouse que as árbores estaban en moi mal estado e que existía un risco grave e real de que puideran caer.

Dende que se realizou a tala, o parque nunca estivo parado nin desatendido.  Ao longo destes meses viñemos realizando as labores necesarias para a súa recuperación e para garantir, en todo momento, a seguridade dos usuarios. Neste tempo levamos a cabo unha serie tarefas necesarias e programadas, en ningún caso improvisadas e previas ás labores que a partir de agora se poidan executar de cara ao seu uso futuro.

En primeiro lugar, tras a tala, houbo que realizar o empacado dos restos de cortezas e ramaxe e, máis tarde, foi preciso rastrillar e eliminar os restos que quedaron despois de empacar. Posteriormente, vendo que os eucaliptos que quedaban presentaban pólas en mal estado, realizouse unha poda en altura. A seguinte labor consistiu na retirada dos tocóns dos eucaliptos e dos piñeiros; primeiro retiráronse os eucaliptos -hai uns cinco meses-, e máis tarde -hai uns dous meses- sacáronse os tocóns da zona do piñeiral, na parte máis próxima ao instituto, que non puideran ser retirados nun primeiro momento por precisar dunha maquinaria distinta. Unha vez eliminados todos estes elementos, executáronse as labores de xardinería consistentes na limpeza da zona dos tocóns, no fresado da terra e na plantación da herba. A pasada semana trouxéronse doce camións de terra vexetal para alisar a parte na que estaban os eucaliptos coa intención de aboar e plantar herba; debido ás chuvias dos días pasados, esta labor houbo que pospoñela.

A día de hoxe o parque está en perfectas condicións para realizar a súa repoboación e, sobre todo, para ser usado sen ningún tipo de perigo para os seus usuarios. Consideramos que agora que estas labores están rematadas é o momento de dar explicacións e o momento de dar conta das diferentes tarefas levadas a cabo no parque, non antes. Con todo, cómpre aclarar que todo o traballo levado nos últimos meses foi público, nunca se ocultou nada e calquera veciño que se achegase ao parque puido ver como, pouco a pouco, foi retomando forma ata chegar ao estado actual.

Foron unhas labores evidentes que o concello nunca escondeu, pero que tampouco necesita vender nin anunciar cada un dos pasos, sobre todo atendendo á época na que estamos, nós continuamos traballando día a día, respondendo ás preguntas formuladas ao respecto polos medios de comunicación sobre o estado do parque ou, incluso, explicando no pleno municipal, onde poden ir todos os veciños e veciñas. Agora que está acabada esta primeira fase de preparación, é o momento de deseñar a reforestación. 

Dende o Concello de Viveiro respectamos, como non podía ser doutra maneira, as opinións que sobre o futuro uso do parque poidan ter calquera veciño ou colectivo, pero entendemos que debe manter a súa esencia e uso tradicional, un espazo natural dentro do núcleo urbano destinado o uso e disfrute de distintas xeracións, nenos, maiores...,  un lugar para disfrutar en familia, un punto de encontro e de xogos, un lugar onde comer, etc. 

Loxicamente, como equipo de goberno xa nos reunimos con algúns colectivos, como é o caso dalgunha agrupación deportiva, para coñecer as súas ideas e temos coñecemento dalgunhas propostas que nos fixeron chegar algúns veciños e colectivos culturais; por suposto, seguiremos escoitando a todos aqueles que queiran achegar as súas ideas en beneficio de Viveiro e do Parque Pernas Peón. Agora que o parque Pernas Peón está limpo e en perfecto estado para deseñar o seu futuro, a nosa pretensión é executar un proxecto que se adapte aos novos tempos, pero mantendo en todo caso a súa esencia e tradición. 

Comentarios