Opinión

Xuro ou prometo (I)

REFÍROME MÁIS unha vez, a un caso noticiábel do que tiven coñecemento pola radio. O luns día 5 de outubro, día de San Froilán, conducindo en loita contra a chuvia enfurecida nunha especie de novo diluvio compostelán, escoitei en directo a toma de posesión dos novos Conselleiros da Xunta. Chamoume tanto a atención que non me resistín a tratar o tema na súa vertente do significado simbólico. Os novos membros da Xunta xuraron ou prometeron coa seguinte fórmula: "“Xuro ou prometo ser fidel ao meu mandato como Conselleira/o da Xunta de Galicia,observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado e exercitar as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España"”. Esta fórmula é a legal: a Lei I/1983 de 22 de febreiro contén as normas da Xunta e da súa presidencia. A fórmula citase textualmente e naceu para ser usada na toma de posesión do Presidente, sendo á súa vez a que se estabelece para a toma de posesión dos Conselleiros.

Chamoume tanto a atención que non podo me substraer a facer un comentario mesmo do contido textual e do seu significado. En primeiro lugar o contido. Se se promete gardar o cumprimento de todas as leis propias e máis a norma constitucional, sobreenténdese que non se vai delinquir polo penal nen polo civil. A Constitución Española e mais o Estatuto de Autonomía son todas as normas, xa que engloban todas as posíbeis. As demais é redundante citalas, porque, calquera outra posíbel no exercicio do cargo inclúe o acatamento de todo o cadro lexislativo mesmo as normas de tráfico e as fiscais: non cómpre citar as restantes. Trátase, coa fórmula de toma de posesión, de dar entrada a un/unha componente do poder executivo autonómico e, por suposto, non é preciso prometer non ser delincuente. En segundo lugar, exercer as funcións no interese supremo e exclusivo refírese como indica textualmente a un só ente, Galiza por exemplo, porque no caso de nomearen dous, Galicia e España, queda a exclusividade feita anacos ben pequeniños. É imposíbel ser exclusivo de Galiza e de España, a fidelidade non ten o don da ubicuidade: terían de se quedar cunha exclusiva ou pedir a compatibilidade para o exercicio da función gobernativa galega. Quérese dicer que Galiza e España non son como papá e mamá para os infantes. Non é necesario para ser membro do executivo galego xurar ou prometer que teño unha exclusiva dobre que pretende reunir nun cargo a identidade de dous que poden ser contrarios. Mesmo no caso máis fraco de autonomía, poñamos por caso, unha descentralización administrativa, o executivo galego vai titular conflitos de competencias e de intereses, enfrontados co goberno central, que converterían en papel mollado a tal promesa ou xuramento. Finalmente, que é o interese supremo da fórmula? Supremo, sumo, altísimo non ten superior na súa liña, deben ser restos dalgunha fórmula relixiosa que se colou de xeito inconsciente na forma legal de prometer o cargo. (Continuará).

Comentarios