Opinión

Vivindo o parque Rosalía de Lugo

OS ESPAZOS URBANOS, como é o caso do parque Rosalía de Castro de Lugo, foron creados no proceso de elaboración da cidade. Elaboración porque as cidades son, en primeiro lugar, unha fundación social –dun colectivo humano determinado con vontade de convivencia harmónica. Son, por tanto, unha realización humana. A parte construtiva é só un elemento, mais, se non hai uso, non existe cidade nen, xa que logo, valor dos elementos que existen.

No caso do Parque, hai unha parte dos habitantes actuais de Lugo que temos unha boa relación con el como espazo de vivencias ao longo de moitos anos. A relación reúne lembranzas e tamén expectativas de como nos gustaría que fose conservado. Os xardíns teñen ese papel: unha vez creados, van medrando á par que os usuarios e estes non o notan, salvo cambios traumáticos. No noso caso fun consciente de desaparicións, abandonos e novidades descontroladas. Lembro sen grande esforzo a morte, fulminada, dunha sequoia co ciclón Hortensia.

Lembro o abandono do mapa da península Ibérica (elemento pedagóxico singular) que pasou por épocas tan penosas que semellaba que ía ser definitivamente destruído. Tamén recordo os pavóns, tan vistosos que, cando aparecen en imaxes, por exemplo, na recreación de xardíns dos pazos máis importantes do mundo, seméllannos algo xa vivido. E cos pavóns, os gardas urbanos especiais de xardíns, con aqueles uniformes de cor marrón case decimonónicos: eran o terror dos nenos perseguidores de pavóns ou de patos e familia. Lembro columpios e tobogáns, bicis ás carreiras por determinados paseos e nenos e nenas facendo flans de terra como se fose na area da praia.

E lembro, des que puxeron alí as barracas do San Froilán e as casetas do polbo, un novo destino do Parque. Mesmo o rápido medre das árbores que a alguén pouco avisado se lle ocorreu plantar nas costas: as árbores, se non enferman ou se tallan, teñen o vicio de medraren e neste caso tapar a vista –a bela vista– que desde o Parque se divisaba do val que o Miño deseña en Lugo.

Hoxe, unindo ás miñas lembranzas o coñecemento histórico, que nos achegou coa súa usual xenerosidade investigadora Adolfo de Abel Vilela no libro O parque de Rosalía de Castro. Centenario da súa creación, sentímonos animadas a reivindicar a volta ao seu estado inicial na concepción de parque con mirador. E desta forma e grazas tamén –e coa esperada demolición do Garañón– poder cumprir as expectativas de parque que forma parte da nosa cidade como escenario de vivencias en certa harmonía.

Os usuarios contribuímos á vida urbana precisamente facendo iso que podemos, usar, participar en dar vida aos elementos construtivos que sen cidadáns non son máis que esqueletes baleiros de vida. O Parque é parque porque ten quen o desfruta, quen ten lembranzas, quen quixera ter tempo para pasear e quen pasea esperando algo só con respirar baixo os deambulatorios de novo osíxeno que son os paseos arbóreos, quen escoita ás aves que aniñan, quen mira os patos que quedan, e mesmo quen pensa no que sobra.

Comentarios