Opinión

Vivindo no Entroido

Sempre desfrutei no Entroido. A opinión manifestada a respecto da celebración intraescola refírese exactamente a iso: á conversión en actividade escolar, como parte das tarefas reguladas, á caracterización, traballo individual e colectivo, baixo a norma dun programa, dunha festa netamente popular e da sociedade, non dos centros de traballo nin das escolas. Isto supón dedicación, elaboración dun programa de uso do tempo, orientación aos alumnos para participar, gasto individual... Outro asunto completamente distinto é dar a coñecer parte da nosa historia colectiva, neste caso as celebracións populares galegas, que teñen —dependendo da comarca— distinto contido; o Entroido de Lugo non se celebra igual que o de Foz, nin Chantada, nin Quiroga nin Viveiro. En Ourense hai máis dunha ducia que traspasaron coa súa fama as fronteiras da comarca —Verín, Laza, Viana do Bolo, Xinzo de Limia...—, e no Ulla celébranse cunha teatralización única na súa especie, así mesmo Betanzos, Ferrol... En Pontevedra, desde o interior lalinense até Baiona, que se anticipa antes da conmemoración da Arribada, celébrase o Entroido en toda a parte. Mesmo o nome é diverso: se se di en Santiago Antroido, é chamativo xa que nesa comarca din Entroido e pode convivir como denominación con outras tres ou catro designacións para o mesmo tipo de festa.

No Lugo da miña infancia sempre houbo carnavais. Mesmo antes de se dar festa na rúa, no Círculo das Artes comezaban as festas o xoves de comadres e seguían até finalizar co baile do martes. Mesmo antes de ir aos bailes, lembro as fotos do Progreso coa referencia completa do resultado do concurso de disfraces, e dos outros actos con que se celebraban, naquel momento no interior das sociedades de recreo. Tamén lembro que en Lugo foi sempre festivo o martes de Entroido, cousa que non ocorría en Santiago de Compostela, por exemplo, nin noutras cidades galegas. É dicir, semella que a pesar dos exercicios espirituais (que citei noutro artigo) e dos rigores propios do católico poder do Estado, a festa popular tiña arraigo dabondo para non fenecer. Mais o sentido popular e de festa na rúa tiña desaparecido. Foi restaurado á mantenta, grazas ao facer de asociacións culturais, de forte arraigo na cultura galega e popular do país.

Nos anos 80 (principios), saímos á rúa en comparsas organizadas, fomentando, recuperando e creando festa popular, tal e como poderiamos pensar que era. A máis monumental que lembro foi unha con 40 partícipes anti-Otan, e outra case tan numerosa, antipolicía montada do Concello para ridiculizar a proposta de creación dunha policía a cabalo e con traxes de gala, para acompañar a corporación en eventos de extraordinario boato. A miña comparsa fíxose acompañar de 11 burros montados tamén para eventos especiais. O único incidente da cabalgada produciuse diante da explanada do Concello: un burriño acordou deixar a súa pegada en forma de bosta diante do Concello. Foi unha maneira material de lle lembrar á cidade que é capital dunha gran comarca labrega.

Comentarios