Opinión

Violencia estrutural (I)

HAI UNHA grande corrente social de rexeitamento da violencia de xénero. Estamos non só de acordo, senón mobilizadoramente de acordo. O que sucede en moitos casos é que existe un interese totalmente superficial de rexeitar a violencia como tema de actualidade para lucimento verbal, mais ou menos hábil, dos tertulianos que nos orientan na vida. A violencia de xénero é definida –até agora mesmo– como a violencia que se produce no seo das relacións interpersoais privadas exercida polos homes sobre as mulleres. Só faltaría que existise alguén que non a rexeitara. Outra cousa completamente distinta é ser quen de soster a coherencia elemental entre o dito e o actuado. Así, por exemplo, no campo das declaracións e mais dos feitos dos responsábeis do goberno nas distintas institucións públicas.

Non é moi coherente aprobar leis de igualdade, dotalas cunha miseria orzamentaria, ir dilatando no tempo a execución das súas normas máis mobilizadoras, socialmente falando, e a continuación dicer que hai que endurecer o Código Penal para castigar os delincuentes. Xa estamos afeitos a que na etapa presente os gobernantes e os representantes elixidos en institucións parlamentarias adoiten non distinguir entre o executor e o responsábel. Se poñemos en relación o conxunto de actuacións públicas que manteñen e promoven de facto a desigualdade entre homes e mulleres en todos os campos sociais —nomeadamente no mercado laboral— non abonda como solución invitar as mulleres a que denuncien as agresións para iren viver a un albergue inexistente, sen ingresos suficientes e sen futuro. Na realidade diaria a denuncia só ten eficacia social para aquelas mulleres que son quen de viver e defenderse pola súa conta. É dicer, aquelas que contan cuns ingresos de traballo ou de capital que as converte en autónomas vitalmente.

Nen as traballadoras de salario mínimo, nen as de tempo parcial, nen as que teñen familia de dúas xeracións, nen as que carecen de vivenda propria nen as que sendo independentes economicamente son dependentes psicoloxicamente dun maltratador, poden contar con que a denuncia pase a ser unha solución de vida. Na medida en que as regulamentacións existentes permitan que traballadoras con emprego sigan no límite da pobreza, amañar a violencia de xénero con palabras ou co Código Penal convértese en pura propaganda. Non parece moi coherente coas leis existentes e co movemento social de denuncia das desigualdades salariais que, ante unha pregunta sobre o tema, o presidente do goberno español, un Estado dos máis desenvolvidos da OCDE, eluda a contestación nun tema candente como a desigualdade salarial entre homes e mulleres: debe de ser un campo político minado no que non interesa opinar para non esvarar; de todas formas, o tempo presente, en case todos os campos políticos, é moi esvaradío para o goberno de Madrid. Non deixa de sorprender o exame con certa distancia dos equilibrios da maioría minoritaria e as adhesións inquebrantábeis da oposición merecente de mellor nome definidor: por exemplo, a santa compaña tamén pode ser sen 'santa', laica por aquilo de que din que eran os da esquerda.

Comentarios