Opinión

Os universitarios e Lugo (e II)

A taxa media de abandono dos matriculados nas universidades galegas foi de 14,7% no 1º ano, segundo un estudo do Ministerio (2017-18) e con única metodoloxía. O Sistema Universitario Galego é o terceiro na listaxe de maior abandono, só superado por Asturias e polas situadas nas Illas. Na USC hai dados máis recentes. O abandono detectado con dados de matriculados nos graus do campus lucense son moi distintos. Así, en Veterinaria son moi pequenas, mesmo poderíamos dicer que circunstanciais e tamén admisíbeis. O 2,41% de abandono no último ano do rexisto (curso 2021-2022) non é en absoluto preocupante. A mesma situación ocorre no dobre grau de Mestre de Educación Infantil e Primaria: pasou duns anos con dados de abandono menores do 10% á ter 0 abandonos no primeiro ano. Noutros caso, as cifras de abandono son non só preocupantes senón alarmantes. Que nunha titulación os matriculados en primeiro ano fiquen reducidos á metade en segundo, por non compareceren en segundo curso sen se matricular, é un fracaso da Universidade e digno de mellor consideración do que nun ámbito como este se poida realizar. O abandono é só unha das medidas de calidade do ensino usadas habitualmente. Non son únicas nen definitivas. Son interesantes como síntoma de algo que representa un problema para tomar en consideración. O abandono, mesmo a ameaza de cerramento por non interese, é reversíbel como se ten demostrado. Só hai que tomar as medidas necesarias.

O que atinxe á relación cidade-Universidade vai moito máis alá dunha relación de gabinete, un día ao ano ou cada dous anos, para asinar un convenio Concello-USC, que logo nen se cumpre nen ninguén ten interese en seguir e xestionar. Examinando a relación da USC con Lugo desde a perspectiva institucional, vemos que foi adelgazando, adelgazando até ficar por inanición reducida a un corpo moribundo. Primeiro existiu un compromiso da cidade non só de vontade, senón moi xenerosa no material. De non ser por esa vontade —nomeadamente da Deputación— mais co concurso de Concello, non habería nen Campus lucense. A creación de Veterinaria foi un paso decisivo para poder falar dese logro. A Universidade foi á par dando forma de conxunto aos centros do campus de Lugo e dotouno de Vicerreitoría, Vicexerencia e unha certa autonomía coordenada con Santiago que, se ben non nos permite falar de capacidade de decisión propria, si dunha habilitación para se gobernar dentro das distribucións orzamentarias. Rebaixouse o de Vicerreitoría (mesmo despois dun gasto forte nun edificio) a engadir encargos a outros vicerreitores, que por razóns docentes residían en Lugo. Neste caso, desaparecido o cargo, desaparece a función e viñeron en cascada (de forma silenciosa ou non contestada) a eliminación da Vicexerencia, o cerramento do edificio nobre da Vicerreitoría, cunha última vida de sala de actos e con nada de Universidade, para ir reducindo paulatinamente persoal, dotacións materiais e amortización de prazas docentes. Se os feitos falan por si sós, a USC lle molesta bastante Lugo, e Lugo, representado polo seu Concello deixa facer, non se enteira ou non lle importa.

Comentarios