Opinión

Un 'taper' para a praza

Hoxe en Lugo hai un proxecto de cidade, e ten máis mérito cuns orzamentos afogadores

HAI MOITAS cidades polo mundo adiante que teñen proxectos de reconstrución para adecualas ás novas necesidades e dotalas dos servizos públicos que hoxe se consideran precisos para mellorar a vida dos seus habitantes e ás veces tamén dos visitantes. A nosa cidade é a máis antiga de Galiza, tamén da Península, e podemos apontar o tanto de se emparellar coas máis antigas de Europa. Dicer isto non quer significar nen máis nen menos que calquer outra cualidade ou atributo falando das características de Lugo. Acudindo ás fontes históricas acódelle a unha orgullo fachendoso de cidade antiga: é moi probábel que desde a súa fundación estivese máis tempo deshabitada e abandonada que habitada, coidada, e respeitado o seu ser constitutivo.

Hoxe observamos que en Lugo hai un proxecto de cidade, e ten máis mérito cuns orzamentos afogadores que serven de coartada para o pouco cambiar e pouco emprender.

O tema último que ten suscitado interese xornalístico –cando menos nese ámbito si se tratou– é o proxecto de construír en Quiroga Ballesteros unha especie de "marquesina" xigante tapando o anaco de rúa que ocupa a Praza de Abastos, edificio emblemático antes de ser adornado cunhas escaleiras iguais de funcionais que á discurrimenta de quen asou a manteiga nun guizo. Pois ben, despois da ficción de lle chamar a un edificio Praza e a outro Mercado e despois de impulsar a desunión dos arrendadores dos locais dun e doutro edificio, pasamos a un proxecto espectacular de unilos por riba (nunca dito con intención sarcástica) cunha "marquesina" de cristal a modo de taper ou tupper dado a volta para que o que non funciona por baixo quede unido por riba. E non ha ser porque o proxecto non sexa bonito. Non, é bonito na foto da maqueta que apareceu neste xornal. É un proxecto que entusiasma a calquera que teña certa sensibilidade estética para os proxectos arquitectónicos. Mesmo diríamos que é tan adorábel como a Cidade da Cultura, pero en pequeno. Tamén pode facer lembrar cubertas de certas galerías ou de modernas "marquesinas": a da Barceloneta (reproducida en Santiago na Avenida Xoán XIII, con menor fortuna que a de Barcelona) ou as de Lafayette, Harrods ou Pacífico; certo que as cidades, onde esas cúpulas modernas/contemporáneas están, son un pouco mais grandes que a nosa, pero, por algunha parte hai que se lanzar, para, emulando as grandes, medrar. Por outra parte, desde o ponto de vista do uso de fondos públicos é impecábel: destínanse os cartos a investimentos en obra pública construtiva que vai colaborar directa ou indirectamente ao bon funcionamento do edificio cuberto, vai contribuír de forma segura á certa creación de emprego futuro (por exemplo, para manter limpa esa tapadeira de cristal, é preciso un contrato de mantemento permanente), vai converter a zona en atractivo turístico deixando pálido o interese por San Pedro, e vai permitir que os carriños da compra ao pasar dun local a outro pisen en seco. En fin, máis vantaxes, imposíbel.

Comentarios