Opinión

Turismo dunha soa vez

É xa un lugar común, entre os dirixentes de política económica perguiceiros, confiar unha rápida recuperación, despois dunha crise e os problemas económicos que sempre emerxen ou se agudizan neses períodos, ao turismo. Semella un talismán. Na economía galega agoniada con problemas estruturais ben graves, buscan a saída destes graves problemas no turismo. O paro, a desindustrialización, a caída de actividade produtiva no agro e na gandaría, os problemas de inseguridade na pesca ou as feblezas tamén estruturais nos servizos vinculados ás actividades directamente produtivas (lembremos: desde a caída de emprego en banca, seguros, transportes...) non se solucionan co turismo. Ese suposto talismán é a expresión dun desexo: confiar en que a solución veña desde fóra, a modo de peregrinos, viaxeiros, turistas ou simplemente emigrantes retornados temporalmente, que consuman nos estabelecementos de hostalaría. E aí está non só un desexo infantil senón a comprobación da ausencia de planificación cara un futuro ancorado en bases máis sólidas que o fume dun día. Os negocios de hostalaría nas súas diversas componentes deberían funcionar de acordo cuns criterios económicos baseados na procura da rendibilidade media polo menos dos restantes da sociedade onde se desenvolven. As diferenzas son en horario, por tratar individualizadamente unha relación persoal, por ser subministro de bens especialmente sensíbeis como son os de comer e beber, en fin, por se referir en grande medida a actividades vinculadas ao ocio. As marxes de negocio están na maior parte dos casos calculadas para actividades de temporada, de época ou de ciclo en bonanza polo que as modificacións do encarecemento da enerxía eléctrica ou os combustíbeis, pasando polo prezo dos alimentos industriais, os alugueres... até a modificación das condicións de contratación da man de obra, mudan tamén o cálculo final de rendibilidade. E aí chegamos á parte máis problemática do asunto. Pequenos negocios, medianas empresas ou grandes empresas mesmo públicas (por exemplo, Paradores) aforran en, apretan en condicións, ou esmagan, se queremos dicelo así, a forza laboral empregada. A reforma laboral nen se plantexou, nen polo tanto tratou de diagnosticar e logo achegar solucións aos problemas de temporalidade, precariedade, horarios imposíbeis e baixos salarios nos sectores de actividade económica que viven directamente do turismo. A proba de que existe unha reprodución á baixa das condicións de calidade dos servizos turísticos vén dada por unha constatación simples do crecemento do turismo de ínfima calidade e atención: a proliferación de alugueres ocasionais chamados casas/pisos de aluguer vacacional non resiste un mínimo de inspección polas autoridades ao caso. Un hotel ou un estabelecemento público dos suxeitos a rexistro consta de todas as características que o usuario precisa. No outro caso, non, e hai de todo. Tamén o emprego preciso para atender eses alugueres é absolutamente descoñecido (inexistente?). E nos restaurantes, casas de comida, bares, casetas de praia, con horarios imposíbeis e con salarios que só na excepción dos casos son o equivalente a un salario mínimo danse idénticas situacións: precariedade, nula cualificación, má atención e confiar en que o verán que vén (ou o Ano Santo próximo) piquen outros que veñan ao barato.

Comentarios