Opinión

Transporte con descontos

ESTABA EU entusiasmada coa medida gobernativa de facilitar o transporte de viaxeiros cun aforro suculento para viaxes en Renfe e mais en autobús interurbano, e despois de me decatar de que as miñas viaxes frecuentes son entre Santiago e Lugo, fiquei completamente decepcionada. En primeiro lugar, entre Santiago e Lugo (disto non se deron conta en Madrid) non hai servizo de tren. Unha primeira chafadura. Segundo, entre Santiago e Lugo, como non hai tren, a concesionaria dos servizos de transporte de viaxeiros por estrada non ten competidor, e non rebaixou, ao igual que fixo no eixo atlántico, o prezo dos billetes até cantidades de céntimos de euro para competir coa gratuidade do tren. E, en terceiro lugar, é preciso —no caso dos transporte por estrada— ser titular dunha tarxeta que se chama TPG (Tarxeta de Transporte Público de Galicia) que só se pode adquirir e recargar (funciona como unha tarxeta moedeiro) nas oficinas dun determinado banco, e só nese, por decisión supoño que transparente, democrática e en concurso aberto, da propria Xunta. 

Esa mesma entidade bancaria que comprou as Caixas de Aforro galegas nunha operación que se estudará no futuro nos libros de economía como modelo do que non se debe facer cos cartos públicos, vén sendo a mesma  entidade que mesmo recebeu subvencións por instalar de novo certos servizos bancarios en localidades borradas do mapa bancario por ela mesma. 

Resumo: con estes datos, a unha servidora non lle apetece ser clienta desa entidade e moito menos verse obrigada —sen saber un motivo de peso— a se converter en usuaria á forza desa entidade. Que facer? Pois á parte destas lamentacións —proba evidente da incapacidade de aceptar as ordes sen entender as razóns— non me queda máis remedio que seguir usando transporte privado, é dicer, o meu auto particular. Iso si, coa enorme vantaxe de que aparcar en Lugo ao ar libre é realmente barato: gratis. Neste caso, a xestión municipal adiantouse ás medidas de gratuidade relacionadas co transporte, non obstante non estaren en boa correspondencia coas orientacións propostas, e mesmo leis, da Unión Europea e que logo son aplicadas na lexislación española. Os plans europeos de transporte de persoas (por varias razóns, entre outras por aforro enerxético e aforro en emisións de CO2 á atmosfera) encamíñanse á promoción activa do transporte público colectivo face ao uso do privado, por ser evidentemente máis caro —socialmente falando— e máis contaminante. 

En Lugo estamos ancorados no século XX polo que a investimentos públicos en transporte colectivo se refere. É inexplicábel que non se leve a cabo a obra pública de conectar Lugo con tren para viaxeiros e para mercadorías cos núcleos de poboación galegos máis importantes: Santiago, A Coruña, Monforte e Ourense. É inasumíbel que non se remate a autovía Lugo-Santiago nen saibamos nada da conexión con Ourense cunha vía do século XXI. Non existe conexión ferroviaria cos núcleos de poboación que constitúen zonas de produción de todo tipo de mercadorías exportábeis, é dicer, o tecido produtivo lucense traballa en desvantaxe cos seus competidores e isto requere solución.

Comentarios