Opinión

Todo se pode copiar

TODO É copiábel nesta sociedade mundializada e globalizada. O primeiro que resulta bastante evidente é a difusión do desexo de consumo a través dos medios de comunicación visuais de todo tipo: a primeira etapa foi encomendada ao cine e na actualidade, despois de asimilada pero non superada a etapa da televisión, a influencia que exercen determinados personaxes famosos nas redes sociais determina a demanda e finalmente o consumo de determinados bens.

Comezando polo cinema, a influencia do cine americano na súa época esplendorosa e dominante no mundo occidental e máis nos países menos desenvolvidos marcou de maneira directa, indirecta ou subliminal o patrón de consumo dos que sendo nominalmente máis ricos tamén exercían ascendente sobre os menos desenvolvidos, os menos potentes, os menos glamourosos ou simplesmente os menos homologados neses estándares de consumo: desde as casas con xardín nos barrios exclusivos alonxados dos centros das cidades (ao ser en Hollywood non había centro que valera), ás cociñas enormes e sempre impolutas (non eran para cociñar, eran para vender electrodomésticos: grandes frigoríficos, lavadoras, lavalouza, trituradoras de lixo orgánico, billas espectaculares, campás extractoras enormes, taburetes de barra de bar...).

Tamén se amosaban hábitos de consumo aquí menos coñecidos: fumar até no leito de morte, beber guisqui a calquera hora, falar por teléfono sen parar, conducir turismos espectaculares... Esa etapa pasou, cumpriu o seu papel e foi moito o que se copiou, nuns países máis que noutros, dependendo tamén do grao de dependencia económica de que falemos. En España, moito, e en Francia e Alemania menos, por seren gardadores de economía e cultura propias.

Hoxe ese papel pasou á televisión e máis ás redes sociais, e infelizmente continúan influíndo en alentar modelos de vida que poderiamos dicir raianos na idiocia colectiva (idiota: o que non se ocupa máis que dos seus intereses particulares). Así, igual que se copian os hábitos de consumo de bens materiais, tamén se copian os modelos de vida noutros moitos aspectos, e por desgraza no modelo importado de vida tamén entran na copia os modos de conduta á hora de se divertir, de se relacionar e tamén de delinquir.

Tomemos como caso a existencia de comas etílicos entre menores de idade. Cada vez que hai unha determinada celebración sinalada, é como fenómeno relativamente recente na nosa sociedade, porque se pasou da bébeda colectiva combinada con algo de comida e moi longamente desfrutada á bébeda individual, en moi breve tempo e até perder o coñecemento: evidente hábito suicida copiado do modelo anglosaxón de bebida e difundido seguramente en filmes de ínfima calidade e de modos de conduta supostamente xuvenil nas redes sociais.

Pasamos nuns anos de coñecer bebedores sociais alegres —máis ou menos— a candidatos a se descerebraren nunha suposta cerimonia moderna. A copia abranxe outros aspectos relacionais igual de problemáticos que o anterior, como é caso dos mozos en pandillas, modalidade ianqui de suburbios ou de centros de elite (aos efectos delitivos é igual) mais que son auténtica importación cultural de condutas e modelos nada edificantes e, por suposto, cun custo social importante.

Comentarios