Opinión

Tamén me gosta ir de compras

IMOS DEIXAR fóra do conto o mal que o pasas cando tes que reafirmar —en galego— o teu pedido ou solicitude. A escena tipo desenvólvese nun bar calquera do país, atendido por unha moza ou mozo, recén empregados a 4 euros a hora: —que toma —café con leite. Anota (verbalmente)"café con leche" e eu, cliente, en uso da máxima de o cliente sempre ten a razón, contesto: se non tedes leite trae calquera cousa. Desemboca na barra, abaneando a cabeza coma quen di 'o que hai que aguantar por 500 euros'.

Tamén che pode pasar nunha xamonaría calquera de calquera vila: un amigo chegou a escoitar pór en dubida a súa galeguidade porque xa que se expresaba en galego corresponderíalle comprar só xamón galego. El, na idea colonizada da dependenta, non era cliente adecuado para o ibérico. En troca, resulta moi gratificante se manexar entre os cualificados á vez que xentís encargados dos pequenos estabelecementos chineses (ás veces só lles falta un pouco de competencia oral nun idioma indoeuropeo, pero é un pequeno problema superábel coa linguaxe de sinais). Aquí non hai dúbidas. Xa sabes de entrada que todo é chinés. Se fose roupa a túa demanda non necesitas mirar a etiqueta. De antemán é seguro que non te van enganar. Non teñen intención nen o necesitan. Non che pasa como me sucedeu nunha ocasión en que querería eu soa favorecer a industria de confección ibérica: escollín unha chaqueta dunha empresa de Gijón. Estaba contente porque, como teño esa deformación profesional que me acompaña tamén áhora de consumir, sei que a importación dunha mercadoría tamén importa unha estrutura salarial que, ao final,acaba influíndo na vida na industria do país receptor: quer dicer, ten a tendencia igualar os salarios polo máis baixo. Pois ben, despois do encanto inicial, ao mirar —xa na casa— de vagar as etiquetas, comprobei con estupor que tal chaqueta estaba feita na República Popular China (RPC poñen para despistados). Cando no cimo da miña inxenuidade llo fixen saber á vendedora sufrín un novo episodio de hiperrealismo: señora, en China fabrican todos, non ían ser menos os de Gijón. Iso si, retruquei eu, pero nen vostede nen eu podemos comer ao mes por 5 euros. Como se pode observar, nada do que nos ha pasar sucederá sen estarmos avisados.

Houbo de abondo sinais para adiviñar que a baixada salarial dos últimos anos chegou para se instalar. Que a rebaixa do soldo dos funcionarios públicos e a caída de rigor, esixencia e calidade dos servizos públicos veñen acompañadas da privatización dos mesmos e polo tanto da desigualdade de servizos e prestacións para o conxunto do pobo. Que a privatización converteuse nun novo negocio no que participan como auténticas aves de rapina grupos empresariais novos, de novo cuño ou os vellos reconvertidos.Uns fan caixa vendendo ruínas e outros entran nun novo campo para –comodamente e grazas ao goberno liquidador—atopar lucro seguro,clientes cativos (cautivos) e leis ao seu interese.

Comentarios