Opinión

Son iguais os pensionistas? (III)

Diciamos a semana pasada que a situación dos pensionistas de hoxe está directamente relacionada coa vida laboral exercida e, por tanto, coas condicións sociopolíticas que se tiveran desenvolvido nese pasado. Tamén sostemos que non se debe comparar a pensión media actual dos pensionistas galegos cos doutras realidades económicas, porque esa cifra media non é representativa nin das características das/os pensionistas galegos nin da situación interna do nivel de vida expresado noutras magnitudes, como o prezo da cesta da compra básica, acceso a estes bens de forma en autoconsumo, propiedade ou non da vivenda, saúde, acceso a bens colectivos baratos ou mesmo gratis...; en fin, pensamos que a mellor maneira de garantir boa vida futura para os actuais e os próximos pensionistas é defender unhas condicións económicas dignas para os actuais traballadores, e, onde non se alcance coa remuneración salarial cativa, que o Estado exerza o seu papel compensador e redistribuidor.

Un dos elementos ben importantes á hora de mellorar as condicións laborais (as salariais e as non salariais) dos traballadores empregados, así como dos autónomos, é examinar o funcionamento dos elementos institucionais que acompañan as relacións laborais e que son ou poden ser obxecto de pactos entre empregadores e asalariados ou entre traballadores e o Estado como último responsábel legal das condicións regulamentadas do traballo.

As cifras de autónomos, falsos autónomos e asalariados sen convenio (e/ou sen condicións pactadas) é escandalosa: manéxanse cifras de máis de 300.000 traballadores con menos do salario mínimo. Observamos, grazas ao sindicato maioritario galego (CIG), a cantidade de traballadores galegos atinxidos pola ausencia, desidia ou comenen comenencia patronal de non convenio. Hainos que levan 30 anos sen se negociar, e outros tamén unha chea de anos, convertendo as relacións laborais neses subsectores en precarias por definición e precursoras dunhas xubilacións inferiores ás conveniadas.

Hai asalariados de buques de arrastre fresco sen convenio desde 1993; de actividades vitivinícolas, de distribución de bebidas, 2002; de empregados de fábricas de chocolates, bombóns e caramelos, 1999; de oficinas e despachos, 2008 (en Lugo) e 2012 (en Pontevedra); comercio de pel e calzado e pastelaría, 2010; transporte de viaxeiros, 2015; sanidade privada, 2012; comercio por xunto, 2010... Se as condicións laborais do presente, suxeitas a posíbel pacto con perspectivas de melloras, non se aplican, mal poderemos agardar —que por milagre— as xubilacións futuras sexan equiparábeis á media existente noutras comunidades, en que pactos, convenios e vixilancia pública responden doutras condicións laborais.

Dous casos á parte deben ser considerados: o grupo laboral das mulleres en sectores moi feminizados (algúns moi altamente) e o rol do Estado como mal empregador neste presente. As mulleres hoxe xubiladas na Galiza poden ter unha pensión de xubilación (as que cotizaron á par de traballar) ou terse que acoller a unha non contributiva, non por non ter traballado senón por non ter cotizado con dereito á xubilación: desde as empregadas do fogar, ás labregas non cotitulares da explotación sen dereito á cotizar, deseñan unha realidade do traballo na Galiza, e falan da inadecuación do trato da lei a casos desiguais con táboa rasa igualitaria (Continuará).

Comentarios