Opinión

Sementando humor

Estaremos outravolta como na gripe do 18 do século pasado? Daquela, recomendábase, igual que hoxe, lavado de mans e máxima hixiene para controlar os contaxios

Á parte dos lugares comúns repetidos nos meios de opinión (tópicos do tipo "imos saír mellor", "imos aprender"...), certo é que levamos observado algunhas cuestións merecentes de se incorporaren ao acervo de boas prácticas sociais: por exemplo, lavado de mans. Unha verdadeira novidade nesta era hipertecnolóxica.

Pensabamos que era o mesmo lavado de mans de sempre. Pero, ser, ser, é unha novidade, de aí que chamaran á poboación en xeral para practicar. Mesmo houbo anuncios que recomendaban ter as mans debaixo da billa 60 seg.!!! Non obstante, mesmo na historia sagrada que aprendemos, o significado do lavado de mans ía máis alá da práctica hixiénica, podendo significar tamén desentenderse dunha responsabilidade (como fixo Poncio Pilatos). Mais o feito de que existise a norma de lavar as mans, ou mesmo de se asear, antes de certas cerimonias descritas na Biblia, quer dicer que se tivo en conta desde épocas moi remotas da civilización o feito de que ter as mans limpas era importante. Pois agora, século XXI, dise que unha práctica adecuada para se protexer dos contaxios do virus é lavar as mans con frecuencia. E fómonos decatando de que foi preciso insistir na boa práctica lavatoria porque, realmente, se tiña abandonado.

Asombra que despois de ter pasado polo ensino obrigatorio e universal durante 10 anos polo menos, non exista como práctica social asumida o feito de que se deben lavar as mans logo de calquer manipulación. Abandonada unha práctica considerada útil e hixiénica, observamos condutas que polo feito de seren consideradas normais non deixan de ser sorprendentes. Así, vemos os cociñeiros da tele usando directamente as mans para o que chaman emplatar (!!), tocando directamente os alimentos que despois van ser inxeridos. Por moi limpas que estexan esas mans, resulta sospeitoso comer o que foi así manipulado no prato. Nos aseos de cafetaría ou restaurante, cantas persoas entran e saen sen lavaren as mans? Cantas delas son ademais persoal de sala? Nos aseos dun centro hospitalario cantas persoas entran e saen sen lavaren as mans? En cantos destes aseos hai condicións (quero dicer xabrón) para que a práctica de lavar as mans sexa realizábel?. O aforro en certas obras públicas, nomeadamente as de ensino, caracterizouse pola enorme cativeza dos espazos comúns, entre eles os aseos de alumnos e estudantes; resulta moi difícil, por non dicer imposíbel, que o necesario lavado de mans se poida levar a cabo en tempo breve. Así, o máis fácil é non se lavar. Noutros centros públicos: Correos, Concellos, administración autonómica, Facenda... é doado observar que non hai obriga de teren aseos para o público (algúns edificios nen son accesíbeis para persoas con dificuldades). Mesmo se pode dar o caso de teren instalado un desfibrilador e non haber lavabo para as mans. De aí o noso asombro ante o paradoxo actual: avanzamos en tecnoloxía e, pola contra, nalgunhas prácticas elementares non pasamos do XIX. Estaremos outravolta como na gripe do 18 do século pasado? Daquela, recomendábase, igual que hoxe, lavado de mans e máxima hixiene para controlar os contaxios.

Comentarios