Opinión

Sanidade pública (I)

Constátase a diario que hai persoal sanitario contratado por día ou por horas: pódese dicer que se gastan ben os fondos de sanidade?

NON SE ACEPTA a crítica dun sistema público de sanidade como o noso debido á evolución dos últimos 30 anos, a cobertura actual de servizos sanitarios, e, mesmo, por comparación con outros do noso entorno europeo. Comparar o Sergas actual coa sanidade pública dos anos 80 debe pasar polo feito de que hoxe é universal e naqueles anos cubría só unha parte da poboación e ademais o seu grau de desenvolvemento evoluíu como a economía nestes anos. Certamente, é moi importante o salto cuantitativo e cualitativo que se ten producido, pero da satisfacción autocompracente non se xera crecemento nen mellora. Comparala coa sanidade doutros países europeos, se non é para imitar a súa influencia na mellora da saúde da poboación ou da atención especializada, tampouco vale de moito: non axuda a mellorar. En cambio, se facemos unha aproximación aos resultados da eficiencia dos gastos desde unha perspectiva temporal de longo prazo, pode ser que a autocompracencia dea paso á constatación efectiva da necesidade de certas reformas.

Hai evidencias que corroboran esas aseveracións: así, por exemplo, a redución do gasto e mais do desenvolvemento organizativo da asistencia chamada social e/ou a complementar de certos tratamentos fixo caer durante o cénit da crise a calidade de vida de colectivos moi sensíbeis: persoas maiores con necesidade de atención ou coidados especiais, minusválidos, enfermos mentais, válidos con necesidade de recuperación funcional (post accidentes, post cirurxía, post partos…).

O gasto sanitario aumenta constantemente: certo, pero se aumentou só pola evolución dos prezos dos provedores externos, ou porque se renova –si ou si– a dotación en bens tecnolóxicos cuxo prezo e mantemento non se pode controlar, non dicemos nada da asistencia, da mesma forma que as obras novas, abandonando as vellas que permanecen como unha carga inútil, non melloran a sanidade necesariamente. Constátase a diario que hai persoal sanitario contratado por día ou por horas: pódese dicer que se gastan ben os fondos de sanidade? Así, por exemplo, hai doentes que non teñen acceso aos coidados de fisioterapia que semella son precisos para contribuír á cura; sábese tamén que hai persoas que, tras seren tratadas nos hospitais, non teñen quen se faga cargo delas unha vez dadas de alta; o mesmo sucede cando sabemos que, unha vez desaparecidos (de certo que foi un avance) os chamados manicomios, non hai institucións públicas de atención e tratamento de enfermos mentais, precisen ou non internamento… Mesmo, é evidente que a falta de persoal coloca o persoal facultativo, titulado e auxiliar en sobrecarga e con certa situación de provisionalidade, o que non fai máis que redundar na caída de calidade asistencial.

Asistín asombrada á dor dunha rapaza embarazada (en risco de diabetes) a quen se lle negou —ese día, estando en xexún— a extracción para unha análise de sangue porque era preciso contar con máis tempo e o contrato da enfermeira da quenda remataba ás dez e media: non podía traballar máis alá desa hora; pódese argumentar que non houbo perigo de mal maior, pero podendo evitar os menores, e o sufrimento inútil, fagámolo.

Comentarios