Opinión

Queremos turismo (e II)

DICIAMOS QUE case todo é dixeríbel segundo a dose. Aplicabamos isto para significar a importante diferenza entre ter turismo ou viver do turismo. No crecemento económico español coñecido como "desarrollismo" (a partir dos anos 60 pasados), o rol do turismo foi fundamental para lograr unha boa parte tanto do crecemento económico e a entrada de divisas, nunha economía afogadiña pola parálise interior, a falta de capital disponíbel e o illamento exterior. O turismo foi, xa que logo, unha alavanca usada para resolver algún deses problemas, sen ter en conta, sen coidar que traería outros aparellados.

O crecemento desmesurado dunhas zonas sen control facilitou o aumento de prezos incontrolado, o incremento das necesidades de importación de bens non producidos no interior, a necesidade de pactos non vantaxosos cos posuidores do capital estranxeiro, a dependencia das multinacionais estranxeiras proprietarias a nível mundial das grandes empresas maioristas de turismo, a necesidade de anovar continuamente as facilidades para competir en prezos con países menos desenvolvidos…, de tal maneira que, coa chegada do primeiro equipo de política económica anovador (ano 1982), intentouse mudar a tendencia de crecemento sostido cun turismo de masas desbocado.

O resultado foi constatar un imposíbel: non se podía prescindir del porque se tiña convertido en estrutural, e unha boa parte do crecemento vinculado á construción e máis a demanda xerada polo turismo de masas eran responsábeis dunha moi boa parte do crecemento económico necesario. Constatouse que sen un grande sacrificio colectivo —o goberno socialista acordou que non eran quen de encabezar— non había modo de xerar a mesma cantidade de crecemento aínda que fose absolutamente irracional a forma adquirida por ese desenvolvemento. Aos custos de precariedade laboral, dependencia exterior, inflación non desexada, gasto excesivo de recursos naturais, sumábanse os gastos en infraestruturas públicas só en servizo para o turismo, engadíase a deterioración medioambiental e afondábase na dependencia exterior tanto en forma de capital disponíbel como de gasto dos turistas, como da conxuntura que de forma máis ou menos caprichosa podía botar abaixo as expectativas dun ano: só bastaba con que Grecia, Exipto ou Túnez cubrisen a demanda de sol e praia, a prezos baratos: só baratos, o que leva aparellado estadías curtas, pouco gasto por estadía, e ningún vínculo para o retorno. Quérese dicer que, ao non ter en exclusiva un ben turístico único, a modalidade de sol e praia é intercambiábel polo doutro calquera país; son os prezos baratos e a accesibilidade os únicos elementos da competencia.

Aprendida esta lección, é asombroso que existan propostas de facer investimentos dedicados ao turismo, só ao turismo: é inconcebíbel, por tanto, que a alternativa aos problemas dos sectores produtivos sexa dedicarse ao turismo, que se considere que pode fixar poboación en comarcas abandonadas da acción pública planificadora e rexeneradora, que non se observe o que queda nunha comarca despois da temporada turística máis alá das pantasmas do verán. Hoxe, non hai escusa algunha para propor o turismo como vía económica: unha cousa é que haxa turistas en doses discretas e outra depender do turismo para existir.

Comentarios