Opinión

Que pasa co lixo en Lugo?

DESPOIS DE concienciar a poboación a través de diversos medios —algúns verdadeiramente arrepiantes como os vídeos dos peixes con bolsas dentro— da necesidade de controlar (non dixeron eliminar nunca) o envío de plásticos á natureza, dado o seu carácter contaminante e non degradábeis por moitos anos, despois de ensinar en todas partes, escolas incluídas, o beneficio do reciclado, despois de facer leis para contribuíren á redución do consumo de bolsas de plástico, despois de facer investimentos públicos (municipais, por exemplo) en sistemas de separación de residuos, despois —tamén— de investir grandes sumas en construír centrais de selección, separación, reciclado e/ou destrución de residuos sólidos urbanos, atopámonos que en Lugo están clausurados os contedores clasificadores de residuos sólidos, de grande elegancia e comodidade, que tiñamos instalados polo centro e algúns arredores. O da elegancia é un valor que supoñemos dado o prezo de cada un, instalación á parte, que foi de 1 millón de pesetas das daquel tempo. E o da utilidade foi unindo elegancia e comodidade polo peche soterrado do lixo que non creaba molestias engadidas independentemente do tempo de ‘estadía’ do lixo. Esta vantaxe creou á súa vez o hábito de se desfacer do lixo doméstico (tamén dos estabelecementos que o xeran como supermercados, tendas e bares) a calquera hora, calquera día. Ademais, e dado que os cubículos clasificadores tiñan posibilidade de armacenar catro tipos de residuos: orgánicos, vidro, papel e plásticos, este conxunto de desperdicios así clasificados foron formando parte tamén dos hábitos de separación dos usuarios/as dos ditos cubículos. Hoxe, e vista a súa rudimentaria clausura, nuns lugares, e noutros, a eliminación, non queda máis posibilidade que utilizar os cubos verdes tamaño polígono industrial que puxo a concesionaria ao lado dos clausurados.

Ben, despois do circunloquio, vén a pergunta: que pasa co servizo de recollida selectiva de lixo en Lugo? Puxéronse os contedores de folga como os taxistas de Madrid? Estamos esperando pola autoridade competente para que volvan ser úteis e utilizábeis? De quen depende que volvan funcionar? Urbaser ten algún cargo de conciencia que lle impede seguir recollendo o seleccionado e optou por ‘todo vale’ no grande cubo verde? Onde se tiran os xornais, revistas, papel e cartón amorosamente separados, por exemplo, na rúa San Marcos? Quen é responsábel deste lío? Por que se debe seguir pagando a mesma contía no recibo municipal que inclúe un servizo en desaparición? Quen soportará, cando suba a temperatura ambiente, o cheiro dos contedores con 20 horas -nalgúns casos- de lixo orgánico ao ar libre?

Seguramente nen vale a pena pórse a falar deste asunto. É moi probábel que non lle interese nada máis que aos cidadáns con conciencia ecolóxica, que teñen un grado de civilidade superior á media, que creron honestamente na importancia das recomendacións e das leis de redución e reciclaxe de residuos, que teñen interese en colaborar por un medio natural menos contaminado, que a súa vez se preocupan de forma individual por non colaborar á contaminación…, é dicer, unha ‘panda’ de inocentes perfeitamente prescindíbeis á hora das eleicións.

Comentarios