Opinión

De que familias se fala?

Hai unha chea de novos hábitos na linguaxe común que carecen dun contido conceptual. É numerosa a listaxe de termos que son inexactos mais que van calando, até se converteren na concreta daquel que desexaba que fose admitida polas academias da lingua para designar ‘croqueta’, co argumento peregrino de ser máis aquelada a súa pronuncia. Confundir fenómenos meteorolóxicos con clima ou designalos como climatoloxía é común. Identificar análise de variábeis de medida da saúde con analítica é case universal. Utilizar desplome para indicar caída é moito máis dramático, mais non exacto..., e así cunha boa chea de casos similares. Tamén é común ouvir a destra e sinistra falar do benestar das familias, da inflación e as familias... En economía a categoría familias non existe, como tampouco é moi próximo á representación da realidade utilizar en política xente. En economía, a categoría ‘economías domésticas’ representa o conxunto: axentes económicos particulares. É dicir, non son empresas, nin sector público nin sector exterior. As economías domésticas, por definición, actúan exclusivamente no ámbito do privado, e consomen, aforran ou titulan bens mais a función de investimento e de produción está nos outros ámbitos. Para falar da cuota das economías domésticas —así como a súa evolución tendencial— na participación da distribución da renda, o adecuado non é falar de economías domésticas, nin de familias, por suposto, nin de fogares. ‘Familia’ é un termo que mesmo en socioloxía é polisémico. Non hai unha familia, como non hai unha muller ou un home: hai familias de moitos tipos e roles sociais. A familia dun/ha banqueira non é igual que a familia de dous asalariados, nin igual que a familia reinante, nin igual que a familia dun empresario —con éxito ou sen el— que ingrese rendas de capital e non de salario. As denominadas familias non son unha categoría que garde homoxeneidade interna para poder falar delas en termos inclusivos. Refirámonos, por tanto, no seu lugar, e para distinguir a vida doméstica da das empresas, e, por outra parte, para coñecer a participación na distribución funcional da renda falemos de asalariados e empresarios. Os asalariados por definición reciben rendas do seu traballo e non poden vivir sen el, e os empresarios reciben e viven das rendas de capital. A parte gris desta división e que pode xerar perguntas é: e se se reciben rendas mixtas de capital e de salario? De novo a fronteira analítica está na dependencia do salario para vivir ou non: ese será o límite que marca a pertenza a un grupo ou a outro. Un ex-asalariado xubilado con pensión de xubilación que recibe dun aluguer unha parte do 20% dos seus ingresos non pertence á clase empresarial, cousa que si diriamos dun xubilado que percebe rendas de aluguer de 20 vivendas. Non é nin sequera a propriedade o criterio de clasificación, senón a natureza das súas rendas. Para nos referir á situación declinante do benestar dos asalariados, é preciso examinar salarios percibidos, beneficios obtidos e dividendos repartidos. E aí si que atoparemos a fonte da desigualdade crecente.

Comentarios