viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Un proxecto Next Generation (e II)

O luns pasado, interrogabámonos sobre Altri na Galiza. O proxecto sería no seu caso a construción e posta en marcha dunha fábrica de pasta de papel e de fibra Lyocell con ubicación, xa determinada, na Ulloa, municipio de Palas de Rei. Primeiro foi un anuncio feito polo presidente Feixoo acompañado do conselleiro delegado da dita compañía e logo, para remarcar o mesmo anuncio, mais en proximidade, houbo un outro acto político en Lugo de conselleiros da Xunta, outra vez o sr. Soares (Altri) e mais o delegado territorial da Xunta en Lugo. 

Do tratado nesta segunda volta non podemos saber nengún dado novo polo que nos permitimos —en nome do débito profisional— seguir facendo perguntas básicas a respeito da entidade do futuríbel próximo investimento industrial. A primeira pergunta é a procedencia dos fondos financeiros que se precisan. Parece nítido que se non hai fondos Next Generation UE en cantidade suficiente, Altri non fai o investimento. E a idoneidade do proxecto con vista aos criterios do goberno español administrador dos fondos europeos, aínda está en fase de demostración: quer dicer, non existe aseveración en firme do goberno do Estado para aceptar a súa inclusión. 

A segunda pergunta interrógase polos acordos ou decisións empresariais de Altri a respeito de adquisición da técnica (que non posúe) para elaborar a fibra Lyocell: hai tres multinacionais no mundo que dominan este elemento tecnolóxico. Altri pode comprar patente ou asociarse cun titular. De momento isto está no ar. 
Como o proxecto en firme non existe, non se pode adiantar nada —por moitas ilusións en forma de propaganda que se difundiren— a respeito dos impactos tanto nos recursos, nos prezos da materia prima —os eucaliptos—, a demanda de forza laboral (isto é, en termos coloquiais cantos novos traballadores directos vai haber) nen moito menos fantasiar con miles de postos de traballo. Altri emprega en Portugal 774 persoas fabricando máis de 1 Millón de t. de pasta celulósica. 

No proxecto para Galiza é imposíbel empregar máis de 200 persoas funcionando a fábrica para producir 200.000 t., coñecidas a técnica e a competencia a nível mundial. A austríaca Lenzing realizou un investimento en Tailandia de 400 millóns de euros cunha capacidade de 100.000 t. de fibra Lyocell (hai 2 meses que traballa). Mudou o panorama mundial de produción de fibra destinada á industria téxtil. Esta nova oferta será así mesmo obxecto de consideración pola empresa portuguesa á hora de se decidir no seu proxecto. 

E para rematar sería bon se esquecer doutras fábulas. A produción de fibra non é para o mercado galego: aquí non hai industria téxtil, aquí non se fan teas nen tecidos nen nada do subsector téxtil. Aquí hai confección, non téxtil. A industria de confección que hai na Galiza compra as teas en Asia e, no caso de confeccionar aquí unha parte do seu produto, é completamente indiferente á produción da materia prima da industria de tecidos: ou sexa, non hai incardinación da pasteira co sector galego da confección nen con ningún outro: no mellor dos casos comprará eucaliptos e exportará pasta celulósica e Lyocell.

Un proxecto Next Generation (e II)
Comentarios