Opinión

Proprios e turistas

Os razoamentos dalgúns gobernantes e tamén de cidadáns benintencionados sobre o turismo e os seus beneficios pecan en moitas ocasións de inxenuos. Ante a falta de proxectos económicos solventes que promovan crecemento económico (tamén lle chaman riqueza colectiva), é frecuente escoitar que os problemas do presente nunha cidade como Lugo ou no noso país —Galiza— han pasar pola promoción do turismo. Se non hai outra vía para que a economía coñecida free o declive —dise— fagamos isto —é dicer, un gasto en función dos turistas— para intentar saír deste impasse. Isto, tamén hai que o dicer, sen mover un dedo ou facer a máis mínima mención e preocupación ao observar fechamento de empresas, paro rexistado e encuberto ou emigración de mozos ben preparados en busca de perspectivas de futuro noutros lugares. Mesmo semella que ninguén se inmuta polo decrecemento poboacional...

Nos concellos de países máis adiantados en conciencia cívica e sentido da responsabilidade colectiva, hai preocupación e actuacións favorábeis ao enraizamento da poboación, previa consideración das condicións económicas. A responsabilidade de economía dun concello non é a contabilidade da institución senón o deseño de accións cidadás de deseño, de organización, de promoción... favorábeis á economía da cidade. Entregar o destino futuro dunha cidade ao que poidan facer con nós os visitantes é algo así como un soño infantil. O turismo non é desexábel en si mesmo porque é unha fonte de dependencia exterior sen seguranza nengunha nun recambio se os turistas non aparecen.

Na economía galega aínda estamos a tempo de dedicar os nosos esforzos colectivos, e polo mesmo públicos, a nos dotar de investimentos creadores de riqueza en si mesmos, capaces de se encadear noutras actividades que tamén xeren emprego, e capear o temporal da crise grazas á actividades directamente produtivas que sempre, sempre, xeran riqueza para repartir. Argumentar que se debe facer tal ou cal gasto público en mellora das necesidades do turismo é igual que condicionar a realización dos gastos particulares en función dos intereses dos estraños.

Tense usado no discurso político un símil defendendo que as finanzas do Estado son como as dunha familia. A comparación entre o Estado e unha familia é totalmente falaz: unha familia non é unha institución comparábel ao Estado en nada: na fonte dos ingresos, nos gastos imprescindíbeis e, finalmente, nas obrigas ineludíbeis hai diferenzas que son cualitativas e non só de grau. 
Un Estado pode xerar as súas propias fontes de ingresos, pode delimitar as obrigas tanto de funcións como de gastos. As familias, non. Por estas razóns de diferenza esencial entre as decisións de gasto públicas e as privadas é preciso medir moi ben a repercusión do gasto público, en función, en primeiro lugar e antes de nada, de cobrir necesidades proprias antes que amosar obras recén estreadas para os turistas. Acaso os proprios non merecemos obra pública de mantemento do noso patrimonio? Non merecemos desfrutar del? Non debemos ter primeiro, e prioritariamente, a cidade ao servizo dos proprios? Defendemos un principio vital simples: primeiro nós, e, logo, os demais, mais nunca á inversa.

Comentarios