Opinión

Propaganda legal

OS QUE xa non cumprimos corenta anos, nen sesenta, temos memoria do significado político do termo propaganda ilegal. Mesmo este ano en que se rememoraron os 50 anos do 68, lembramos como houbo cidadáns, igual ca nós, obrigados a pasar pola cadea, acusados e condenados polo suposto delito de propaganda ilegal. Mesmo agora, este mesmo ano, nos observan desde outras partes do mundo -con menos número de carpetovetónicos por km. cadrado- e sofren de asombro ao examinaren o delito de sedición e/ou o de rebelión typical spanish: estes delitos teñen aquí definicións non homologadas ás do resto do mundo civilizado. O efecto que produce o pánico á disidencia, a opinión contraria á dominante é á súa vez provocador de máis pánico, desacougo social, crispación e burramia colectiva. Non se pode esperar que un colectivo humano, calquera que sexa a institución social de instalación, que se contamos con individuos crispados, entolecidos ou totalmente alleados, exista despois boa conduta ao volante, bon trato familiar, disciplina no traballo, responsabilidade social, cumprimento das normas...; mesmo cun criterio puramente de ganancia económica é impensábel un aumento da produtividade nunha sociedade convulsionada a base de propaganda legal. É indiferente quen sexa o actor emisor da propaganda; o caso é que non facemos máis que bater con ela. Sen pretensión de crítica algunha senón só a título de cita, lembremos os titulares de prensa desta última semana.

"É preciso que os concellos concedan licenzas para apertura de novas gasolineiras, requisito necesario para aumentar a competencia e así abaratar o combustíbel": Propaganda burda e bulra do cidadán. Onde está demostrado que as multinacionais que controlan a distribución de combustíbeis de automóbil así como gases de uso doméstico compiten entre si por medio dos prezos?

"Se o goberno central cerra Meirama e As Pontes, pasaremos a ser deficitarios en enerxía eléctrica". Primeiro, o goberno non pecha nada; executa unha norma dese clube chamado UE do que somos socios. Hai máis dunha década que existe obriga de reformar ou, se non, pechar as térmicas de carbón. Segundo, que rendemento tiramos de ser exportadores netos de enerxía eléctrica? Que gañamos sendo quen de producir moita máis electricidade da que significa o consumo galego? O plan de produción de enerxía eléctrica español foi un verdadeiro choio para os que, sen produciren nada, pagaron pola electricidade igual que nós. Penso que son eles os que debían estar laiando e non aquí, xa que é seguro que imos gañar en saúde tanto das persoas como do medio ambiente.

"A xerencia do CHUS (Hospital Clínico de Santiago) debe resolver os problemas de persoal ou explicarse". Non sabemos como interpretar esta propaganda porque un fío de razoamento lóxico nolo impide. O presidente do Goberno Galego (é o autor da cita) nomea o Conselleiro de Sanidade, e este, en último extremo, á persoa responsábel da xerencia do Clínico. Se hai problemas, que semella que si hai, nas urxencias do citado hospital, non se entende o recado a través da prensa do máximo responsábel ao responsábel directo. Fallará tamén a comunicación directa?

Comentarios