Opinión

Propaganda de guerra

Se isto era unha guerra, os de a pé ímola perdendo, esmagados pola propaganda. Se limpamos o panorama informativo das crónicas da evolución da pandemia onde figuran o número de contaxios detectados, o número de mortos (agora xa desapareceu aquela parte de "con afeccións previas", é dicir, material de segunda clase), o número de hospitalizados, co número de ingresos en Uci, e máis a lea UE/industrias produtoras e vendedoras de vacinas, pouco resta que teña carácter informativo, ou que, téndoo realmente, alcance relevancia na prensa diaria.

Así, por exemplo, o venres pasado celebrouse unha reunión entre o presidente da Xunta e o do Estado. Son os proprios gabinetes de prensa dun e doutro presidente os que salientan o contido dos temas estrela nesa reunión. É de supoñer que polo menos o que se destaca si constitúe tema de tratamento na mesma. E é igualmente significativo, politicamente falando, ese destaque de relevancia de determinados temas, porque se considere que dan boa imaxe do rol de cada un. Crer que nestes tempos de crise económica —con carácter de desastre— o tema da máscara ultraprotectora foi elevado á categoría de tema de Estado é non somente penoso, senón ridículo. Nunha autonomía na que en tempos de escaseza de máscaras houbo ordes verbais —e máis escritas— prohibindo o seu uso nos centros hospitalarios (mesmo produciuse un cese de xefatura dun servizo clínico en Vigo), pásase a unha proposta de Estado. Estamos noutra fase? Hai abastecemento abondo? Demostrouse que son eficaces no control dos contaxios? Hai que levar a Madrid unha proposta que se pode executar aquí, en caso de necesidade e capacidade de gasto? Digo o da capacidade porque é unha evidencia que nos centros de saúde non hai para o persoal sanitario máscaras dese tipo para facer un uso clínico/hixiénico aconsellábel. 

Non sería ben que o presidente da Xunta tivese elaborado un Plan de Recuperación Industrial Galego acaído ás necesidades de reindustrialización? A economía galega estivo afectada antes, e na crise pandémica, de sofremento pola caída de actividade non só nas industrias senón en todos os servizos asociados a esas industrias; por iso, unha vez admitido (de facto, porque nada se fixo en contra) que sexa o goberno central quen administre os fondos da UE para reconstrución industrial, precisariamos que houbese polo menos unha iniciativa encabezada polo goberno galego —responsábel de administrar unha parte do noso futuro— para conveniar o uso dunha parte deses fondos. Que beneficio social se pode derivar da paniogada diaria de lle botar en cara a Madrid a culpa dos nosos males? Non só é un xogo infantiloide senón que ten o efeito ‘boomerang’ perverso de que cando sexa permitido actuar non se saiba que facer co albedrío. Non obstante, xa temos unha idea formada apoiada no feito, porque hai 11 anos que non hai nin sequera petición de transferencia de competencias estatais para a autonomía. É a constatación de que non interesan máis competencias. Ou ben podemos pensar que non se dá gobernado coas que hai. Semellan unha carga, para unha administración, sen interese material no futuro do país.

Comentarios