Opinión

Programa municipais (e II)

HAI NO ensino obrigatorio unha conduta común nalgúns dos alumnos repetidores que consiste en botar balóns fóra culpando ao mundo das súas cativas respostas. Na Universidade non se da habitualmente iso de «a profesora tenme teima» mais as escusas son máis ou menos do mesmo nível. O caso é que na vida diaria esas condutas de traballadores con pouca vontade de traballar ou na administración pública con ansia de dificultar, en lugar de resolver, podemos dicer que son tan frecuentes que case se universalizaron. Na política municipal semella que son as outras administracións as responsábeis, por exemplo, en Lugo, a Xunta. As grandes empresas que teñen relación co consumo de masas resolveron as dificuldades e reclamacións devolvendo o diñeiro: así non é preciso atender esmeradamente nen é preciso coñecer o produto por parte do dependente. Na administración pública o servizo prestado é para o cidadán imprescindíbel e de obrigado cumprimento. Non se pode ir á tenda do lado para solicitar unha licenza de obras máis rápida. Nen, tampouco, se resulta mal devolven o diñeiro. É preciso lograr un cumprimento da relación administrativa co cidadán procurando a calidade de excelente, e isto é o que denominamos no programa curto: decisión política de mellora administrativa. Son partes do programa que dependen exclusiva e directamente do goberno municipal. Así, seguindo a numeración que utilizamos no artigo anterior, continuamos co programa eleitoral curto.

9: Realizar os cobros de taxas e prezos públicos de servizos do concello en efectivo e en tarxeta, como é o legal. (é ilegal cobrar exclusivamente con tarxeta).

10: Darlle un repaso á estación de autobuses actual, xa que os usuarios non merecen tal maltrato, e, como era de esperar, a anunciada intermodal é unha quimera por agora. Ao mesmo tempo cómpre un aparcamento perto do centro, gratuíto para todos os desprazados da comarca que precisan do Lugo administrativo.

11: Acordar co cabido catedralicio que as visitas ao museo e á catedral (con prezo fixado) cumpran cos mínimos de acceso e comodidade a un espazo público (actualmente non hai accesos para persoas con mobilidade reducida e tampouco hai dotacións mínimas como aseos, auga...).

12: Actualizar a Ordenanza de Contaminación Acústica antes de acabar por maltrato nocturno, de ruídos e alborotos, cos veciños residentes.

13: Dotar aos mortos de Lugo dos mesmos dereitos que os doutras cidades e así os vivos que os enterran poidan vir pola maña ou pola tarde (en Lugo os mortos teñen horario de mañán).

14. Que haxa en Lugo (zona habitada) unha oficina da policía local para atencións urxentes, así como un rexisto telemático de obxectos perdidos.

E 15. Dotar de persoal cualificado á oficina municipal de estatística, xa que hai unha serie de dados de interese xeral –e tamén para investigadores que pretendan coñecer a realidade económica de Lugo– inexistentes. Salvo os dados poboacionais, con clasificacións por sexo, idade e procedencia, non hai posíbel consulta. A transparencia e a información municipal é un dereito dos cidadáns residentes e dos investigadores alleos (Como previmos, o do Garañón, nada).

Comentarios