Opinión

Programa eleitoral para as municipais

É un programa curto. O de curto lémbrame unha anécdota coa palabra curto de protagonista. De visita no Hospital de Santiago, cunha amiga estudante de Medicina, topamos cunha compañeira de curso; entran en conversa sobre o recente exame de Pediatría: a proba resultou positiva para a súa colega, e a pergunta foi: "Estudaches polos curtos ou polos longos?". Curtos, responde. Seica había dúas posibilidades; unha, estudar no que chamaban "apuntes curtos" e outra por "apuntes longos" (obsérvese que a posibilidade de estudar por libros non se contemplaba); a miña interlocutora estudou polos resumidos tamén e aprobou, e eu dixen cun algo de pánico: oxalá que o neno que debas examinar sexa de curto (alcance, sobreenténdese). 

Pois, indo ao tema eleitoral, as medidas que constitúen a nosa achega para un programa municipal de Lugo, son da parte curta do asunto. Son para repetidores de apuntes curtos aos que se lles dá unha segunda oportunidade, rebaixando un grado o nível de esixencia, xa que en moitas ocasións é inútil persistir no empeño de lograr revalidar a mesma materia que na anterior ocasión, porque simplesmente non se dá. O nível marca moitas veces o degrau de esixencia da cidadanía da mesma forma que os profesores o fan en clase, unhas veces conscientemente, e outras, por imposibilidade manifesta. 

Podemos empezar polo máis grande de tamaño: 1: Na próxima etapa (2023/2027) derrubarase o Garañón. Nesta, foi imposíbel por falta de tempo. 2: Será inaugurado o Auditorio de Lugo, xa construído mais agora en etapa de mellora despois da relativa descomposición. 3: Empezarase o expediente de proxecto do Museo Romano de Galiza no vello cuartel de san Fernando, e se non dá tempo a empezar -que é probábel-, polo menos limparemos os herballos que van nacendo entre as pedras provisionais que decoran o canódromo, mellor dito pipicán (e cagacán) en que se converteu a parte aberta da fachada posterior do citado monumento. 4: Comezaranse os expedientes para dotar a todas as entidades de poboación do Concello de Lugo, que son rurais, de alcantarillado, servizo necesario en século XXI. 5: Iniciaranse tamén os expedientes, con estudo previo, iso si, de dotar de transporte público a todos os núcleos do concello aínda que sexan rurais. Hai moitas posibilidades, mais non é asumíbel que o rural de Lugo habitado teña servizos públicos municipais tan carentes de contido. 6: O Concello interesarase pola cobertura de redes telemáticas que cubran o territorio da súa competencia. É probábel que a intervención de interese desde a autoridade pública poida modificar servizo a particulares e empresas que precisan redes con servizo homologábel ao resto do mundo. 7: Elaborar un plan para executar cando se poida -todo é lento- para rehabilitar a cidade por zonas, empezando pola máis arruinada que é a cidade histórica. A rehabilitación de vivendas e locais debe ser emprendida como parte dun proxecto de reviver a cidade, con habitantes permanentes,  e non pensando no turismo. 8: Tentar modificar o funcionamento administrativo e burocrático do proprio concello: non é cousa dos funcionarios senón dunha decisión política de mellora administrativa.

(Continuará).

Comentarios