Repasando a ollo de aguia os últimos anos da historia económica da Galiza, hai uns fitos na produción de enerxía eléctrica que chaman poderosamente a atención. Primeiro foi a hidroeléctrica. Pleno franquismo, necesidade económica de España de se industrializar: decisión da construción de poderosas centrais hidroeléctricas na Galiza, como foron en Lugo Belesar e Peares, naquela altura –comezo dos 60– dos maiores de España e do mesmo rango en Europa. Ocupan unha superficie de 2.693 hectáreas, encoran máis de 1.500 Hm3 de auga –retida nesas presas– e supuxeron a desaparición de miles de explotacións agrícolas vinculadas á industria vinícola.
Portomarín á parte, desapareceron sepultadas polas augas, non sabemos até cando, mais para unha xeración foi igual que un eterno, 32 aldeas e con elas todo o que durante séculos deu orixe á vida e cultura irrepetíbeis. E que ficou da propaganda de que era un custo do progreso que deberíamos soportar en aras de bens superiores? Nada de nada. Mellor dito, si. Fenosa/Naturgy si tiraron beneficios, así como os directamente beneficiados de contar con electricidade con subministro continuo, seguro e sen custos sociais e medioambientais.
Galiza non foi beneficiaria neta –senón todo o contrario– de suportar no seu territorio e hipotecar o seu futuro no altar desa produción que, sendo imprescindíbel para a industrialización española, non trouxo acompañamento de nengún tirón industrial nen de servizos públicos a Galiza. Sen citar o colmo da conduta colonial no reparto da carga como foi a ausencia de bon subministro eléctrico na Galiza: no campo, nas cidades, nen sequer nas aldeas próximas aos encoros, mesmo sen electrificación da vía férrea; tampouco tarifas selectivas para industria e usuarios galegos, nen sequer como atractivo para amosar técnicas do que poderiamos chamar tremendismo industrial.
Libramos –grazas á presión– da nuclear e completamos o mapa coas térmicas que tan bons recordos deixaron entre os labregos e no medio natural. Para continuar coa eólica terrestre que semella o completo panorama do museo dos horrores, producindo electricidade nun territorio tan pequeno e sen nengún retorno.
Hoxe, 60 anos despois, e coa experiencia da súa falta de empuxe ou de arrastre industrial, podemos dicer que coa mesma matraca –mais xa nos colle moi observadores– os que precisan seguir contando coa produción de enerxía eléctrica tiveron a grande ocorrencia (isto pasa en Madrid, porque o clima tamén dá ardores de cabeza) de volver mirar para os galegos para colocar o maior polígono ou parque de produción de enerxía eléctrica en forma de eólica mariña, xusto nas costas galegas.
Agora sen posibilidade de propaganda, sen abalorios na proposta, pura e dura, porque se lle ocorreu nun ministerio de nome máis longo que capacidade deseñar un mapa nestas costas: debe ir o maior parque eólico de todo o Estado. É tal o disparate que non cabe máis que unha postura: o non rotundo. Non podemos defender compatibilidade con outros usos, negociación de características, compensacións, promesas. A esta altura e dada a nosa experiencia, só cabe dicer como na pancarta da manifestación: en Madrid tamén hai vento.