jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

A Praza de Abastos de Lugo (I)

Lugo merece ter unha praza de abastos do século XXI e, como é municipal, correspóndelle ao Concello capitanear a súa posta en uso ao servizo da cidade. De estar ben feito o deseño das funcións que ten que cumprir este mercado municipal, pódese converter nun centro máis de atracción de cidadáns que, despois de mercaren alimentos, fagan uso dos outros servizos que oferece o centro de Lugo: comerciais, de restauración, bancarios, seguros, oficinas públicas, servizos xurídicos, médicos... 

A función principal é vender alimentos e as secundarias, servir complementariamente de foco de atracción, por iso convén acertar no diagnóstico do porqué do seu declive comercial. A razón principal é que non está en condicións de competir en facilidades para o consumidor con calquera supermercado, e, ao se reducir a cantidade de compradores, non se alcanza o limiar mínimo de rendibilidade dos vendedores, e van diminuíndo aos poucos. É o círculo vicioso do declive económico que, de non o solucionar a tempo, acabará cumprindo a pseudo-profecía da súa desaparición. 

A solución é moi sinxela: responder a que tipo de público serve a praza e a cal aspira a atraer. Hoxe son nomeadamente persoas de idade avanzada, que manteñen o hábito de compra saludábel e están en condicións de carretar a compra á súa casa. Tamén hai clientes mozos amantes da comida real, pero ven limitada a súa demanda en función do horario. A maior parte deses clientes novos traballa en horario de mañá. Non poden ir presencialmente á praza e poucos teñen unha nai en idade útil que vaia co seu carriño á praza. Os clientes novos virán do grupo dos desexosos de mercaren comida de proximidade, servida por profesionais coñecedores do oficio coa garantía do seu saber facer, e non da marca do súper. Esta cantidade de público potencial é moi grande e sobarda con moito o que vive nas proximidades, mais precisan primeiro coñecer a praza, e, en segundo termo, que os horarios, ofertas e servizos complementares sexan exactamente iguais aos de hoxe en día dun súper. Son, por esta orde: horario competitivo, estacionamento fácil e gratuíto por un tempo de compra, servizo a domicilio municipal permanente, venda online con servizo a domicilio e tamén recollida in situ, oferta de asesoramento e acompañamento para persoas dependentes, tanto presencial como para se afacer á compra online, dar a coñecer as calidades e variedades dos produtos oferecidos tanto na páxina web (que se constrúa) como en calquera dos medios habituais de información comercial. 

Ademais, é imprescindíbel construír formas colaborativas de asociación e defensa profesional entre os vendedores que hoxe existen e máis os futuros. É absolutamente afuncional que existan dúas asociacións de praceiros, os de arriba e os de abaixo (din no Concello: praza e mercado?). A praza ha de ser única entidade comercial ou será no futuro unha casca baleira e, por suposto, non vai ir a mellor por gastar diñeiro público en cambiar o edificio. O edificio non fai a función; en cambio, funcionando adecuadamente xera capacidade para mudar, aumentando os clientes. 

(Continuará).

A Praza de Abastos de Lugo (I)
Comentarios