Opinión

Poucos cambios na normalidade

Despois do remate forzado do período de pandemia voltamos a unha normalidade nova: case sen máscaras, case sen hospitalizados, case sen mortos e case sen inflación. (Obsérvese a enorme elasticidade da palabra case). E tamén, case, aprendemos algunha cousa nova nas relacións sociais recuperadas.

Algunhas persoas manifestan que crían que unha vez pasada a pandemia nunca se volverían facer algunhas cousas que xa ficara demostrado que eran totalmente prescindíbeis. E, non obstante, como se existise un mandato xenético, voltamos a hábitos e rotinas anteriores a 2019, tal e como se o destino de cada un tivese tinte de traxedia grega non modificábel.

Comezando polos máis vellos, continúan viaxando en excursións colectivas, en transporte colectivo, en aloxamentos colectivos e masificados, e… séguense contaxiando. Seguimos asistindo a espectáculos colectivos masivos. Será que a conduta gregaria é moito máis importante que a conduta cuidadosa en perigo de contaxio. E seguimos animando a Pfizer e compañía a venderen unha cuarta dose de vacina.
Asistimos a encontros, torneos, simposios, partidos, carreiras e todo tipo de competicións deportivas masivas e con asistencia de xente que nunca antes en tal se vira, mais coa sensación de que fica algo por coñecer.

Pola contra, hai sitios onde si se puidese entrar, daría xenio estar, porque non hai ninguén: son as oficinas públicas. Impúxose a atención só con cita previa e vai ser unha práctica que a base de fastidiar proprios e estraños consolidarase permanecendo e mesmo conseguindo que, a base de non poder acudir, sexa constatábel que se pode viver sen administración local, sen administración provincial e mesmo sen case nengunha. Deberíamos avisar aos funcionarios, xa que de tanto estirar a corda dos supostos dereitos laborais manifestados en non atender ao público, rematen sendo persoal prescindíbel, e os responsábeis de recursos humanos da administración pública acorden amortizar servizos de atención ao público co conseguinte conflito derivado da caída do emprego idem.

As prácticas hixiénicas que favoreceron certo control de contaxios xa foron abandonadas: seguimos falando e rindo a berros (así saen moitas máis partículas por segundo desde a boca do emisor), para socializar a posibilidade de contaxio. Seguimos observando como se fala, tuse, se esbirra e se alenta directamente na comida en bares e lugares de servizos de comida. Vemos como moitas persoas se adubían con xel hidroalcóholico como se fose crema hidratante e logo non teñen reparo nengún en cuspir (si, de novo!!!) na vía pública. Que se entenderá cando se explica que o contaxio deste virus é por aerosois que saen directamente do ar espirado? Será que o que se aprendeu na escola só vale para se examinar e esquecer igual de rápido que se aprendeu? Esquecidas aquela consignas de "imos saír fortalecidos", "esta pandemia cambiou o mundo" e frases baleiras polo estilo, o que si se ten demostrado é que agora é dominante a necesidade continua de encontros masivos, aínda que remate de novo —de forma menos visíbel— con contaxios masivos. Certamente, tamén pode ser que sexa esta a finalidade perseguida: unha vez controlados os ingresos hospitalarios, os outros efeitos da pandemia considéranse soportábeis.

Comentarios