Opinión

Pouco entendemento ou pouco ensino

Nestas circunstancias especiais, mesmo de crise ou de estado de alerta, deberíamos aspirar como sociedade a ter aprendido algo que resulte interesante para o conxunto da sociedade e para os cidadáns en particular. A só aplicación práctica do dito anti—pedagóxico de que «a letra con sangue entra», podería ter valido para aprender. Despois de tantos mortos, na Galiza até hoxe 617, de problemas económicos como son o paro, a caída de actividade e de consumo, a desaparición temporal dun grupo de actividades moi numerosas que van desde as festas populares aos actos culturais de todo tipo, pasando polos desprazamentos de proximidade vetados en moitos casos durante máis de 80 días. Suprimidas as viaxes que con calquer motivo realizamos os galegos de parte a parte do noso país, a falta de roce social —distancia física á parte— debería ter servido para aprender normas elementais de protección hixiénica individual e colectiva. E, non obstante, en cuestión de conduta responsábel parece que non ten servido para nada o confinamento e os seus derivados. Unha vez comezado o desconfinamento, dá a impresión de que levantaron a veda e hai obriga de saír de casa a ritmo desaforado. Máscaras tanto dentro do coche como polo queixo. Máscaras de viseira ou de protexe—queixela. Alá foron as luvas, que xa é case verán, e dan moita calor. Máscara fóra para fumar ou para falar por teléfono. Máscaras fóra para se sentar nunha terraza e beber.

Unha vez comezado o desconfinamento, dá a impresión de que levantaron a veda e hai obriga de saír de casa a ritmo desaforado

Unha parte da responsabilidade está no coñecemento instalado socialmente da conduta disciplinada e de boa aceptación das situacións especiais, e ao parecer aquí houbo acatamento por medo pero non aprendizado. Non se sabe para que nos confinaron, con que fin e o que convén facer en evitación do contaxio, agora que está permitido pouco a pouco irse liberando do encerramento na casa. Pode que haxa un grau de responsabilidade tanto no contido como na forma das normas que viñeron co mando único. Obedeceuse por medo mais sen saber o porqué. Hai algúns países no mundo que por razóns diversas están afeitos a levar a cabo adestramentos na etapa de escola obrigatoria para aprender a reaccionar colectivamente ante situacións de emerxencia. Hai simulacros de incendios, de tiroteos, de sismos, de ataques armados exteriores, de feitos de loucura individual… Á parte de facelo desde as primeiras etapas escolares, logo é habitual que nos centros de traballo públicos tamén se leven a termo de maneira regular evacuacións, logo dunha alarma, para habituar os traballadores e utentes dos mesmos a realizaren evacuacións ordenadas e seguras. Eu lembro como se dunha comedia se tratar a primeira evacuación que se programou no meu centro de traballo: a primeira á que se lle fixo caso, porque na primeira de verdade ninguén se moveu do sitio ao saber que era un simulacro. A segunda acabou co bar cheo de xente, e o encargado dicendo: «non ía pechar porque este é un servizo esencial». A alarma era de incendio e, como todo o mundo sabe, o lume perdoa os bares.

Comentarios