miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Pouca racionalidade

Os principais temas que forman parte da actualidade política deixan pouco espazo para unha discusión racional dos asuntos de interese colectivo. Se se trata do Ive cativo en Madrid, é unha ‘tomadura de pelo’ (PSOE); se falamos do Ave (PSOE hoxe, PP antes), pensamos o mesmo; se o tema é o custo da autoestrada, idem. Se examinamos o prezo dos bens de consumo universal e necesario como son a electricidade e os combustíbeis, igual. Se miramos o monto das pensións e mais os salarios dos funcionarios, tamén. E, dependendo de quen titule os gobernos da Xunta e do Estado, escoitaremos acusacións, mentiras ou falacias absurdas máis que información e un pouco de racionalidade que, xunto ás accións de goberno, aporten solucións. Parece que é máis importante derrotar nos medios de comunicación ao contrario que achegar colaboración institucional no marco da cooperación: é dicer, pasamos do paradigma de lograr cambios sociais ao de lograr vitorias (pírricas) na dialéctica dos medios, quer dicer, do que aparenta, e non do que é. Así, semella que sistematicamente estamos presos de argumentos binarios.

Parece que é máis importante derrotar nos medios de comunicación ao contrario que achegar colaboración institucional no marco da cooperación

Supoñemos que derivado da longa tradición política dos partidos estatais da alternancia —no século XX, derradeiro terzo, PP e PSOE— deuse en atribuír, tamén por alternancia, características peculiares a un e mais a outro, derivando desa maneira as filias e as fobias a unha e a outra política dependendo de quen titulase o goberno. Pola nosa parte, isto é, ollando o panorama desde Galiza, observamos que se precisa unha carga adicional de racionalidade para botar algo de luz aos temas interesantes para o país. As políticas non son boas ou más segundo quen as titule senón que, hai, existe, unha certa posibilidade de análise obxectiva, tendo como horizonte o que máis convén a Galiza: ou sexa, o conxunto de accións de política que fan que Galiza sexa dona do seu destino, que non vivamos para proveito de outros senón que logremos por medio da economía aquilo ao que todos os seres humanos teñen dereito: a se valeren por si mesmos. Como das accións do goberno, dos gobernos no noso caso: do da Unión Europea,  do goberno estatal e o da Xunta se derivan consecuencias que poden ser favorábeis, ou todo o contrario, para o país no seu conxunto, convén identificar sempre a prol de quen se fala en cada caso. Nos casos que citabamos máis arriba é evidente que un prezo da electricidade máis barato para os consumidores finais, remuneraría en Galiza —en especie—  parte dos custos sociais soportados (durante décadas) pola produción de enerxía sen vantaxe algunha. Tamén parece unha evidencia que é posíbel resgatar a AP-9  e abaratar, xa, os prezos de uso do servizo, até chegar á gratuidade. É posíbel, igual que se fixo noutros lugares, planificar un servizo de ferrocarril que comunique as distintas vilas da provincia de Lugo entre si, e coas outras de Galiza, do resto do Estado e de Portugal. Mesmo planificar un futuro próximo sen autos con transporte colectivo libre da contaminación actual. Posíbel é; só falta quen o fixer.

Pouca racionalidade
Comentarios