Opinión

En política, non todo vale

COMO navegamos neste mar do tempo político entre unha eleición e mais outra, os responsábeis do goberno galego vense compelidos a dar mostras de preocupación polos lucenses. Por iso o Conselleiro de Cultura tivo a ocorrencia de proclamar (mesmo en entrevistas ao xeito) que o destino idóneo do cuartel de San Fernando debe ser un Parador. Deixando á parte minucias tan pouco relevantes como que o dito edificio é BIC (Ben de Interese Cultural), polo tanto, protexido e intocábel na súa estrutura do século XVIII; esquecendo que é propriedade do Concello de Lugo, botando abaixo o compromiso previo da Xunta de Galicia de convertelo en Museo da Romanización de Galiza; e mesmo obviando que Paradores de Turismo do Estado é unha empresa pública española como indica o seu nome, por riba e por fóra do alcance do Conselleiro, batemos —como diría Filomena de Pelúdez— cunha extravagancia ou cunha ‘tomadura de pelo’.

Os lucenses podémonos quedar co que menos nos desagrade. No meu caso, teño que declarar que non me gosta nada que me tomen o pelo desde posicións con certo poder, poder delegado pola lexitimidade dos votos. O conselleiro é profesor universitario titular, polo tanto doutor na súa materia, que é Xeografía; no seu curriculum oficial figura así mesmo que realizou un Master en desenvolvemento local. Ocupou varios postos no concello de Lalín e foi deputado eleito tamén con responsabilidades parlamentarias. As declaracións realizadas, así como o empeño recalcitrante na idea inicial, non poden ser atribuídas a unha ‘bisoñez’ ou a unha falta de coñecemento. Imposíbel. Logo, debemos deducir que foi unha tomadura de pelo en toda regra ou ben aquilo que no xornalismo anterior as falsas noticias actuais, se chamaba "serpente de verán". Consistía en lanzar unha parvada en forma de nova que ía collendo forma e volume a medida que se desenvolvía sobre si mesma. Por exemplo: en época de escaseza terríbel dicíase: "vanse realizar importacións de trigo que paliarán as más colleitas de cereal deste ano, debido á pertinaz sequía". Isto, adubiado con fotos dun baile de sociedade da filla do ditador, era suficiente para ir pasando o tempo nesa especie de durmevela que era o ton social dun Estado con toda a información tutelada: censurada, dirixida e tamén autocensurada. Hoxe non pasa nada disto.

A información axústase coma un traxe á realidade, non é preciso andar nas serpentes nen de verán nen de inverno (porque están hibernando) e tampouco se lle debe nada ao poder democraticamente institucionalizado para ter que contribuír aos intereses máis ou menos circunstanciais do goberno de turno. Logo, se chegamos á conclusión de que non é preciso andar lanzando ocorrencias ao ar, se os medios de comunicación serios son quen de filtrar as tomaduras de pelo distinguíndoas dos proxectos, das realizacións de proxectos planificados e dotados orzamentariamente, e das inauguracións de obras rematadas, non sabemos como encadrar esta historieta. Certo que, como non é a primeira vez —xa estamos afeitos—, haberá que buscar a explicación en que alguén traballa coa idea de que os lucenses somos parvos.

Comentarios