Opinión

Política industrial de Núñez Feixóo

Cal é a política industrial levada a cabo polo goberno encabezado por Núñez Feixóo nos anos en que presidiu a Xunta? E a pergunta xorde ao contrastar/opor as necesidades que ten o país co realizado.

Por que é preciso se interesar nunha industria autóctona se xa chega dabondo co capital estranxeiro instalado? Quen compara o capital proprio co descomunal tamaño de empresas como Ence, Endesa, Siemens, Citroën, Alcoa, Carrefour, Alcampo, FCC…? Nengunha compañía galega ten logrado deste goberno nada parecido ao apoio recebido polas multinacionais aquí instaladas: con lexislación acaída, subvencións directas, non intervir en prácticas abusivas, con facilitar condicións de desenvolvemento… E a só consideración deste aspecto do apoio (directo e indirecto) fai dubidar da existencia de política económica industrial da autonomía porque os meios de apoio e compromiso de actuación dedicados ás grandes compañías apresan meios, recursos e capacidade administrativa das actuacións públicas, e no terreo do mercado invaden o campo que podería ser das empresas galegas. Un caso pode servir para ilustrar a nosa aseveración. Imaxinemos que se dá entrada a un centro comercial cun hipermercado francés. O negocio normal do híper é lograr dominar o segmento de mercado esperábel nun prazo temporal curto. Visto que a demanda de alimentos non medra no medio prazo máis alá do crecemento povoacional, o hipermercado só ten a opción de subtraír a demanda composta por utentes do comercio preexistente e captala. Usará campañas agresivas de atracción de consumidores rebaixando prezos (mesmo vendendo a perda) de bens de consumo masivo (verbigracia, o leite) combinando con outros prezos mesmo superiores aos existentes noutros ámbitos de distribución, ben en tendas tradicionais ou en mercados de abastos públicos. E aquí entra a industria propria. Os distribuidores (híper) son comercializadores, neste caso, de consumo de alimentos. Se a política que levan a cabo, e se permite, é presionar aos provedores con contratos á baixa nos prezos, esta práctica paralisa as posibilidades de crecemento dos sectores produtores de alimentos na mesma medida en que non venden, ou venden, a un prezo irrendíbel. A práctica de competencia feroz, por prezos sen control nos contratos de subministro, nen prácticas de preferencia pola produción local sostíbel, é un elemento nítido de política industrial negativa, só é avaliábel en contra da industria propria: desde a pataca galega substituída pola francesa; pasando polo leite ‘europeo’ contra o de produción propria; seguindo pola conserva que traballou a prezo esmagado, e rematando polos transformados cárnicos procedentes de calquer produtor de calquer mercado facendo decaír ano a ano a produción ou, no seu caso, a rendibilidade da industria galega. 

A cadea secuenciada do proceder dunha multinacional francesa —neste caso—que podería comprar e vender produtos galegos e servir de canal para a industria propria, converteuse en verdugo da produción propria, tanto para o mercado interior galego como para as posibilidades de exportación do complexo agroindustrial transformador de procedencia galega.
O estatuto de autonomía da Galiza no seu artigo 30 di: a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva —entre outras— en Industria.Comprobamos que foi só letra en papel mollado.

Comentarios