Opinión

Patrimonio: o meu concepto

O PATRIMONIO é o conxunto de recursos activos e potenciais que posúe unha sociedade como herdanza do pasado, sexa histórico, natural, económico e/ou simbólico. O que sexan os recursos depende de distintas interpretacións, unhas solventes e outras só derivadas de intereses persoais ou de grupo. Ao meu modo de ver, a mais útil é aquela que identifica os recursos en función das necesidades humanas de cada momento histórico: a auga é un recurso universal e imprescindíbel e o petróleo depende da época. Os recursos patrimoniais lucenses son interesantes tanto para viver nunha cidade que se recoñeza a si mesma como para mostrar, se se quixer, aos visitantes dispostos a admiraren unha cidade singular. Cuestión elemental é non destruílos, asunto probábel se priman intereses particulares, que, como é sabido, anubran a vista: non se aprecia que sexa un recurso un bosque e mantelo como tal se o interese de quen fala está directamente vinculado á construción de edificios convertíbeis en ben de negocio mesmo especulativo. Observamos que a idea socialmente asentada de patrimonio cultural das cidades ou de sociedades enteiras –falamos da galega– non é comparábel. E non está moi claro de que depende.

A idea cidadá que teñen de si propios os parisinos, os romanos, os granadinos, os ovetenses ou os meritenses semella a antítese da que teñen os lucenses. As diferenzas son case abismais: uns están orgullosos do seu pasado representado en cada caso polas pegadas do patrimonio arquitectónico de todo tipo, e no caso lucense somos, ou deixamos que nos converteran, en destroyers, do noso pasado, do que se podería considerar nobre, e, tamén, do popular que todo el é pasado e forma parte da nosa identidade. Unha sociedade que renega de si borrando os vestixios do seu pasado, primeiro romano, logo cidade episcopal e despois centro dun mundo labrego, botou polo sumidoiro da historia mal asimilada os signos de identidade sobre os que se pode construír o futuro. Unha cidade que pensou, varias veces na historia recente, destruír a Muralla, dá pouca conta de si mesma. Xa non citemos o que alá foi, e a curto prazo non ten remedio, desde Barras Eléctricas, aos cines (cinco) e o Gran Teatro, non quedou un nen de mostra. Non paga a pena facer un relatorio de desgrazas; pode cada quen reconstruír coa súa memoria aquilo que constitúe o entorno urbano que dá sentido ao carácter da cidade, que, reiteramos, non é conxunto de edificios máis ou menos estilo pecado mortal senón a suma mesmo non harmoniosa deles xunto coa función que cumpren. Dicer que como hai cartos que veñen da Comunidade Europea podo poñerlle unha novas escaleiras á Praza de Abastos ou un chapeu de cristal ao vello cárcere (igual que un babeiro a unha vaca) é deplorábel, semella a conduta daqueles novos ricos ignorantes que como agora teñen cartos (mal obtidos) tiran sistematicamente bens, recursos e vida. Deixemos que fagan de paifocos os que non teñen historia, porque nós debemos estar sabedores e orgullosos da nosa.

Comentarios