Opinión

Participativos (orzamentos)

SAÍU PUBLICADA a listaxe de propostas acordadas no proceso participativo, con votación de ideas, de uso duns 350.000 euros, unha porcentaxe moi pequena do orzamento municipal. O que chama a atención é a composición das propostas que saen aprobadas. Examinándoas, atopámonos con algunhas que pensabamos de obrigado cumprimento por parte do Concello, mesmo con execución plurianual.

Así, por exemplo, todas as relativas á eliminación de barreiras arquitectónicas fainos pensar que unhas son eliminábeis por lei, e outras son voluntarias. Tamén se pode tratar de barreiras en lugares tan pouco frecuentados que nunca van máis que dous cidadáns e quedaron para o final, ou, no mellor dos casos, son barreiras en lugares que aínda non teñen acceso e non tiñan orzamentado en vía normal a supresión de barreiras. Logo atopamos as partidas con destino a obras de mantemento en centros públicos como colexios, prazas públicas, naves públicas, aparcadoiros de centros públicos, fonte pública, piscina pública: desde tellados a cerramentos, pasando pola dotación en xardíns, restauración de elementos existentes, acondicionamentos de camiños, iluminacións, mesmo estudos de plans de acción municipal (¿?). Quere dicer que os cidadáns que participaron na elaboración das propostas atopan buratos na actuación municipal diaria no mantemento /coidado das instalacións municipais porque, se no Concello teñen que esperar a que os cidadáns pidan "poietes e corchos de competición" na piscina de Frigsa, é que o concepto de orzamento participativo en Lugo non tivo moito éxito. Se outras propostas aprobadas son para iluminación dun parque ou para a decoración nas rúas no Arde Lucus, somos moi afortunados.

Os participantes só atopan necesidades suntuarias para cubrir polo Concello, ergo, as restantes están todas satisfeitas. E, finalmente, se o maior número de propostas pertencen ao campo do chamado emprendemento e máis aprendizaxe proactiva —iso si, co nome en inglés (growth hacking, chabot learning, future jobs tools), que pode facer pensar que é máis moderno—, podemos pensar que por sorte en Lugo están a cuberto todas as necesidades básicas que deben ser proporcionadas pola acción municipal. Non obstante, no noso caso, en que non temos participado no proceso de que estamos a tratar (como diría unha parlamentaria, por imperativo legal), atopamos a simple vista algunha outras necesidades a cobrir mediante esta partida orzamentaria que semella para os restos.

Así, por exemplo, cando haberá auga potábel en todo o rural do concello de Lugo? Para cando a rede de saneamento neses mesmos lugares? Cando existirá unha rede de telecomunicación aceptábel no rural para que se poida dispor en condicións de acceso a internet como na cidade? Para cando o plan plurianual de recuperación integral do casco histórico? Para cando o estudo e determinación de necesidades dos/as cidadá(n)s lucenses que viven sós e querendo permanecer na súa vivenda non teñen a cuberto as necesidades básicas, e non é so cuestión de ingresos, senón de servizos públicos?... Non obstante é evidente que os responsábeis políticos e mais técnicos do concello de Lugo xa teñen estes asuntos resolvidos, e no orzamento participativo trátase diso, de participar.

Comentarios