Opinión

Pandemia económica

Para non incidir nas palabras con sentido só tráxico, v. gr., crise, e dado que dalgunha maneira vai haber que denominar o desastre económico que se aveciña, falemos de pandemia económica. A evidencia da grave situación non deixa lugar a dúbidas, pero aínda hai algún irresponsábel que está soñando no turismo, no Xacobeo 21-22 (creo que lle van poder agregar 2023, para ver se inza) e no milagre galego de descenso do paro en xaneiro (sic!!!).

O desastre económico que vivemos e as consecuencias a seguir que aventamos, non son só a caída do PIB no ano pasado 2020, fenómeno descoñecido desde a guerra incivil. Son tamén os dados de paro rexistado (185.984 activos), dos demandantes de emprego (201.347 activos) e da escandalosa cifra de desempregados no sector servizos que alcanza a cifra rexistada de 130.717, maioritariamente nas provincias atlánticas (o 79% do total). Pero con estas cifras de paro rexistado non remata a fotografía de inactividade e vulnerabilidade económica que se soporta; debemos contar os traballadores afectados por Ertes (estou á espera da cifra que proporcione a Xunta), os que xa desistiron de buscar traballo activamente porque está case todo pechado, ou por dificuldades burocráticas, ou, o que é pior e non se reflicte nas estatísticas, porque son maioritariamente mulleres que tiveron (á forza) que abandonar actividade e o que se denomina (para ser contada como partícipe no mercado de traballo) buscar traballo activamente.

A resposta poderíamos atopala na ausencia de cuantificación de situacións certas dentro e nas marxes do mercado laboral. Como e onde se cuantifica o número de mulleres que, debido ás circunstancias da pandemia, víronse na obriga de ficar na casa para se faceren cargo (de novo e en exclusiva) do coidade de dependentes? Ou é que ninguén tivo en conta que pechar centros de día, residencias, colexios, centros da terceira idade, ximnasios, piscinas, centros deportivos de todo tipo, centros culturais, clubes de calquer natureza, actividades culturais de todo tipo, non ía ter consecuencias sobre o uso do tempo das persoas que están sempre disponíbeis, chamadas mulleres que regresaron á casa aplastadas polas circunstancias?

Mesmo sen vontade de deixar o mercado de traballo, as condicións do confinamento, dos cerramentos e do cesamento de actividades económicas obrigaron a un cambio absoluto no plan de vida. Se lle engadirmos as mulleres suxeitas ás condicións precarias do mercado de traballo soterrado, estaremos máis cerca da constatación de que a cifra de parados en Galiza non é representativa do paro material existente.

E que solución se albisca por parte do Goberno galego? Poderíamos esperar que se encarrilase economicamente a situación buscando creación de emprego novo. A dotación con fondos novos, dise que disponíbeis —falamos dos Next Generation europeos— poderían ter como destino, polo menos en parte, e previa planificación, a creación de tecido industrial, verdadeiro motor de crecemento económico e con toda seguridade creador de emprego novo. Non é preciso inventar nada, simplesmente robustecendo a industria existente e facilitándolle a sobrevivencia, daríanse as condicións para garantir emprego novo en todos os ámbitos relacionados coas empresas existentes.

Comentarios