Opinión

Observando Lugo, admirando unha forma de vida

SEN NOS adiantar ao exame do fin deste primeiro tempo da pandemia do Covid-19, podemos de forma inicial aproximarnos á leitura duns primeiros dados observados sobre a evolución da mesma, en Lugo como provincia. Tamén podemos poñelos en contraste coas ideas transmitidas acerca da necesidade que ten Lugo dunha evolución cara outro tipo de vida, homologábel á que está de moda alende as nosas fronteiras. De lle facer caso aos taumaturgos da felicidade moderna, Lugo tiña que cambiar tanto do seu ser que sería mellor desaparecer. A imaxe reflectida do Lugo mellorado, mesmo se incluímos os estudos benintencionados que buscan un cambio de vida para os lucenses, son quen de enumerar sempre o que falta en lugar de se centrar no que hai. Comezando polas infraestruturas, Lugo non ten Ave, nen tren do século XX nen vías de comunicación de última xeración que discorran do sul ao norte da provincia. Dise asemade que non hai industria de transformación en cantidade necesaria para utilizar os bens que produce no agro, na gandaría, no forestal, na minaría e na pesca. Lugo non ten turismo en cantidade cun potencial enorme. Así mesmo, e dentro do modelo de asistencia aos maiores baseado nas residencias, tamén ten menos prazas das que lle corresponderían por número de habitantes idosos e que viven sós. Lugo descende no número de estudantes universitarios… Así poderíamos seguir cunha listaxe que na medida en que se vaia alongando pode conter mesmo peticións típicas dunha película cómica que van desde un rañaceo exclusivo até un funicular ou un zoo municipal.

Lugo ten, segundo o último dado referido ao 31 de decembro de 2019, unha poboación total de 329.587 persoas nun territorio grande e rico: máis de 9.000 km2, case a terceira parte da Galiza. A maior parte viven en Lugo concello (arredor de 100.000). Cidade extensa e tamén expandida nun territorio municipal moi dilatado. Os restantes 229.587 repártense entre a franxa costeira, cun hábitat semellante a unha cidade extensa, e o resto da provincia, con vilas destacadas na medida en que son cabeceiras de comarca. Da poboación total de Lugo hai 96.004 que teñen máis de 64 anos e deles 21.594 con máis de 85. E con máis de 100 anos hai en toda a provincia 276 persoas. Estes centenarios representan o 16,13% dos galegos dese grupo de idade, que é moito máis do que nos correspondería en proporción da poboación (o 12%). Temos unha taxa de centenarios de 8,37 por 10.000, superior á galega e, por suposto, á media española.

No mapa do Estado español que indica por provincias o número de contaxiados por Covid-19, Lugo é a de menor letalidade por cen contaxiados de todo o Estado: 2,81, sendo a metade da que a segue na listaxe (Córdoba, con 4,87).

Como debemos ler estes dados? Inicialmente, e sen tirar conclusións que pequen de precipitadas, si estamos en condicións de aseverar que se debe facer unha emenda á totalidade á listaxe de desexos de mellora promovidos co afán de copiar doutros.

Comentarios