Opinión

Obras e desenvolvemento (II)

SABIDO QUE a necesidade de mobilidade dos lucenses por medios de locomoción públicos como é o ferrocarril non vai ser satisfeita a curto nen a medio prazo, porque non entra nos plans de Adif, é, polo tanto, bastante infantil, por non dicer inxenuo extremo, pensar que porque se vaia construír un edificio civil co nome que sexa (mesmo intermodal) vaian vir os reis magos e traer, de paso, un tren ou un conxunto de trens. Abandonada, xa que logo, a idea do agasallo completo, sabemos que no anuncio de Adif feito hai 8 meses contemplábanse melloras na estación do ferrocarril, a construción de pasos subterráneos, un aparcamento, comunicación co ‘Sagrado Corazón’ e unha reserva para ubicar unha nova estación de autobuses a realizar pola Xunta.

Até o momento só soubemos que desa nova, anunciada en campaña eleitoral polo ministro Ábalos, adxudicouse a elaboración do proxecto, 700.000 euros para a parte de Adif, e o anuncio da Xunta de sacar a concurso (sen data) a elaboración do proxecto da nova estación de autobuses de Lugo. Que significado económico ten sobre a vida dunha cidade como a nosa a construción de obras de infraestrutura ou simplemente obra urbana? Convén lembrar a orixe dos fondos públicos a empregar. Ao igual que aprendemos -á forza- a cumprir co deber de pagar impostos, a segunda lección da materia de ‘cidadanía’ correspóndese co exame minucioso do gasto dos fondos que chegan ao Estado baixo a forma dos impostos pagados polos cidadáns. Un diñeiro público ben gastado é aquel que serve de maneira eficaz e sostíbel para cobrir necesidades.

Por outra parte, é interesante sinalar que temos necesidades para ser atendidas polos servizos públicos, non polos edificios públicos. Os edificios en si non serven para nada, máis que para gastar. O que serve é a organización pública competente que cobre as necesidades. Falando de sanidade, de ensino, de transporte públicos, precísase plan, organización e fondos públicos para persoal e funcionamento. Por facer edificios non se mellora nada. Así, por exemplo, o Hospital Universitario La Paz, público e cunhas instalacións de máis de 54 anos é cualificado por sexto ano consecutivo o mellor hospital do Estado.

En Galiza temos un bon número de casos de edificios non só inúteis senón que crean problemas porque constitúen unha pexa ou carga enorme sobre a débeda pública, que a súa vez impide de facto dispoñer de novos fondos para pagar persoal, por exemplo. Por non citar os de Lugo, pensemos nos dous portos exteriores, nos tres aeroportos, nas estradas sen tránsito, nos pavillóns deportivos sen deportistas, nas piscinas cubertas sen funcionar… ou, o que é rechamante, nas depuradoras de auga pechadas.

É asombroso que coas restricións afogativas que existen para contratar persoal novo en sanidade, servizos de asistencia social, ensino e administración pública, veña o ministro en campaña a oferecer (si, como quen regala) unha obra como a que van facer en Santiago e noutros sitios. Non imos ser menos. Bo é que non oferecen muletas, se non teríamos que partir as pernas, para lles dar uso.