Opinión

O rol do ensino na actualidade

DE NOVO utilizo como escusa para tratar da utilidade social do ensino actual unha conversa na que alguén de maneira decepcionada se mostraba asombrada do nível dos universitarios actuais. Certamente é moi negativo que, mediante casos illados, de simples anécdotas, emitir xuízos que van -necesariamente- abranguer unha cualificación sobre a totalidade. Pero tamén non deixa de ser certo que, examinando o conxunto de habilidades e coñecementos acadados logo de 10 anos de ensino obrigatorio, é penoso constatar que se dean casos comprobados de ignorancia absoluta en asuntos, temas e habilidades mundialmente esixíbeis, e moito máis considerando o significado dun longo período -unha década- na vida dunha persoa. No caso dun/dunha universitaria é máis grave, xa que estamos tratando da capa social que recebeu ensino superior. Unha amiga médica constatou que non se sabe ler e escreber despois de pasar por un bacharelato de moi alta esixencia, ter unha nota en selectividade que permita estudar Medicina, estudar Medicina con aproveitamento, aprobar o MIR, ter praza, e non saber redixir un documento pasando da cabeza ao texto frases coherentes, consistentes e intelixíbeis para quen o teña que ler cun contido aproximado á realidade que se intenta reflectir no citado documento. É dicer, a habilidade de escreber queda moi atrás para quen superou chanzo a chanzo a escada de obstáculos que é o ensino para os estudantes que aproban con boa nota todos os exames e probas. Da habilidade humana de falar, xusto aquela que se define como esencialmente humana, xa non dicemos nada, xa que é notabelmente difícil atopar esa capacidade estendida na sociedade. Hai individualmente casos de grande elocuencia distinguida con premios, pero o que socialmente chamaríamos capacidade de se expresar con fluidez oral dista moito de ser unha adquisición social despois de décadas de ensino obrigatorio, gratuíto, universal e certamente moi custoso. Como exemplo observábel por calquera de nós só cómpre escoitar os cidadáns do común, os representantes eleitos, os responsábeis gobernamentais, os empregados nos medios de comunicación, os empresarios que teñen a ben comunicarse..., e comprobar a pobreza, mesmo miseria, oral que predomina no panorama expresivo do noso entorno. Só atravesando a chamada fronteira portuguesa ilumínase o día escoitando se expresar os veciños: é indiferente a idade; a súa riqueza expresiva faríanos pensar que superaron probas de oratoria. A mesma observación é válida para os habitantes de calquera pais centro/ou suramericano: dá xenio escoitar unha conversa habitual que semella aquí un discurso previamente elaborado e memorizado e, non obstante, é só iso, fala.

Se ademais de ler e escreber pasamos á historia, ao cálculo aritmético, á química elemental, á fisioloxía humana elemental tamén, e co sentido de coñecemento incorporado para a vida, xa podemos esperar sentados: como habilidades do común non existen, non se incorporaron, son excepcionais. A escola existente na actualidade, custodia, adoutrina en tecnoloxías e garante un papel social aceptado pola maioría pasada polo mesmo cribo de socialización. Da violencia entre escolares xa falaremos outro día.

Comentarios