Opinión

O rol de profesora

Pregúntome se o Concello de Lugo podería pasar unha avaliación polo bo facer dos seus servizos

QUE É necesario ter boas notas nos estudos é algo que está universalmente admitido. Tanto nos países que son potencias mundiais, como nos aspirantes, e mesmo nos que van camiño de conseguir se situar na liga dos primeiros, miden a calidade dos seus estudos básicos polas notas dos seus estudantes, polos resultados en competicións internacionais ou, finalmente, polos logros de recoñecemento mundial, cando de universidades se trata.

Mesmo o método da cualificación cuantitativa tense convertido en baremo para certificar os resultados de servizos públicos de toda índole: sanitarios, da administración local, dos estudos superiores en listaxes mundiais, das ofertas das industrias..., é dicir, as notas constitúen unha orientación para os usuarios que ao fin acaban sendo consumidores. Este instrumento de avaliación e orientación ao consumidor, que semella moi moderno, existe nos países anglosaxóns desde os anos de comezo do século XX e pasou por diferentes etapas e características en todos eles, até ser hoxe unha práctica xeneralizada en multitude de actividades, e en case todo o mundo. Hai dous perigos asociados ao valor universalizábel do método: un, crer que todas as sociedades teñen a mesma componente ética na conduta social, e outro, que as notas sexan un bo reflexo do contido, en cada caso.

A ética nos negocios, no traballo e na conduta cidadá varía moito dunhas sociedades a outras: está entreverada da visión xeral da vida (consciente ou non consciente), e o que nunha sociedade se considera reprobábel (moi reprobábel), noutras é proba de bon facer asi como de ‘espabilación’ creativa. Por exemplo, mentir directa e claramente é reprobábel en UK e mais en USA. Cando menos como medida da solvencia moral dunha persoa. Aquí, na nosa sociedade, é admitido socialmente como normal, mentres non teña consecuencias para alguén máis poderoso. Un estudante que copia en USA é expulsado do sistema: obra no seu expediente e pode se esquecer de facer carreira —mesmo tendo cartos— na universidade. Aquí case é un mérito ser máis listo que os demais e usar calquera camiño para adiantar, incluído o pase pola dereita.

O uso e o costume de cualificar con notas cuantitativas como parte do oficio levounos a ter querenza por utilizar tal método para todo o que sexa susceptíbel de ser medido: a calidade do servizo público municiapal si o é. Hai montóns de casos nos distintos países e nacións de Estado para servir de modelo ou de contraste. Desde Bilbao, concello máis transparente do Estado, até Pontevedra, que ten un servizo de vixilancia na contratación que xa está nos manuais de xestión local. Pasaron por avaliacións externas. Lonxe de pensar que son perfeitas, teñen o aval da externalidade e do recoñecemento internacional do seu facer. Mirando para o meu concello favorito —Lugo— pregúntome desde este mirador, con relativa distancia, se o concello sería quen de pasar algunha desas avaliacións no relativo ao bon facer dos seus servizos en dúas olladas complementarias: como servizo, cumprindo os seus obxectivos, e na atención ao público. Moito me temo que non, nin por asomo.

Comentarios