Opinión

Nadal global?

O conceito todo o mundo é cando menos unha grande mentira. Pero o Nadal foi feliz e o virus continúa avanzando

É de verdade a celebración de Nadal unha festa para todo o mundo? A que se refere o enunciado: "a festa da alegría familiar por excelencia"? É un drama de proporcións inmensas non poder celebrar estas festas? Quen perde máis se non se celebran: a saúde mental dos cidadáns ou os ingresos/beneficios dos que viven da oferta de bens de Nadal? Certo é que a vida en sociedade, neste tempo de esmagadora presenza do consumo/consumismo, pasa etapa tras etapa marcando a rota de motivos para consumir ao longo do ano. Comeza co Natal, Fin de Ano, Antroido, Semana Santa, pontes festivas/vacacións... e de novo Nadal. O ano transcorre o seu andar rotineiro entreverado polas festas para servir de divertimento, de filtro doutras desgrazas que habitualmente acompañan a vida activa. Consumir no capitalismo é básico, xa que o sistema funciona arredor dunha produción de bens nunha escala de dimensións globais, e cunha velocidade tal, que hai que cebar continuamente a bomba do consumo para que non apareza a enfermidade económica da recesión: paro, caída de actividade, desinvestimento, e pobreza, finalmente. Dado que o conxunto dos procesos económicos son realmente opacos semella evidente que estas festas fan parte de forma natural da nosa vida, que todo o mundo está máis ou menos conforme e alegre nelas, e que o consumo que se produz -mesmo en condicións destragadoras alarmantes- é o máis normal da vida das persoas. E aquí, neste ponto, é onde se produce a máis complicada ocultación da realidade do funcionamento dun mercado, que precisa retroalimentarse, para existir. O feito de que ninguén teña peso bastante para influír na propaganda do Nadal e contrarrestar o seu funcionamento é a mellor proba do seu éxito. Hai unha parte do mercado de consumo enfocado ao mesmo, polo que é fundamental que se celebre consumindo, que ese consumo se realice nun curto período de tempo e que, finalmente, constitúa un incentivo simbólico para que os que non poden consumir busquen a maneira de ter ingresos, e consumiren.

Quen é todo o mundo? Cando se trata de variábeis económicas —aquelas que se referen ao total da sociedade— lembro unha intervención en clase dun alumno que aseverou que "agora todo o mundo estuda unha carreira". Todo o mundo era o seu grupo de amigos da cidade de Santiago, do seu sector social, do grupo ou pandilla de vacacións e dos que coñeceu na propria Universidade: é dicer, case todo o mundo... No caso que nos ocupa, o número de extranxeiros rexistados na Galiza (2020) procedentes de Asia e África (non cristiáns) son máis de 20.000. O paro rexistado no mes de novembro pasado era de 187.472 persoas (con ou sen prestación). Agreguemos os traballadores en Erte máis os titulares de empresas do mercado formal que por estaren en funcionamento non reciben axudas. Engadimos os presentes no mercado informal, temporeiro ou mesmo sumerxido e sumando, sumando, obtemos unha cantidade tan significativamente avultada —centos de miles— de persoas que non celebran, ou non poden celebrar, nada. O conceito todo o mundo é cando menos unha grande mentira. Pero o Nadal foi feliz e o virus continúa danzando.

Comentarios